Opinión

Papabuxos e coronavirus

Por certo, digo coronavirus porque así din os portugueses e os ingleses e os italianos e os alemáns. Ou sexa, que é palabra normal e común a todos, e ninguén a quere tornar máis inglesa chamándolle “crownvirus” nin portuguesa “coroavirus”, etc. Así que usemos a denominación estandar paneuropea de orixe dobremente latina, por corona e por virus. E sigo. Será o coronavirus, pois, o papabuxos das persoas, a velutina das abellas, a tinta dos castiñeiros, a filoxera das vides? Acabará o famoso coronavirus connosco como o bicudo vermello coas palmeiras? 

Eu, non lles sei, claro, pero participo dunha intuición e actitude fondamente escéptica ante o alarmismo dos medios de comunicación, pois o seu obxectivo primario, e fonte de vida e recursos, é provocar lectores ou espectadores. De aí que considere que nestes tempos avoltos, maleducados, un pouco histéricos e un moito histriónicos que nos toca vivir, non nos debemos deixar levar pola preocupación excesiva. Dáme a impresión de que a cousa máis fácil do mundo é, para os técnicos especialistas en influencia social, desacougar poboación e movela de aquí para alá con calquera tipo de interese, lexítimo ou espurio; positivo, negativo ou neutro. E máxime nestes tempos de hipercomunicación reductiva. Moitos impactos, moitos flashes na aldea global, pero pouca fondura. Non hai espazo á reflexión. Algúns dos principios de Goebbles vanse convertendo en máximas cotiáns: o principio da esaxeración e desfiguración, o da vulgarización e orquestración... etc. 

A entidade da noticia xa non ten que ver coa súa realidade senón coa imaxe que domina dela. Os 6.300 mortos por complicacións de gripe en España o ano pasado -máis de 530.000 infectados- non son noticia. Os 650.000 mortos que levamos no mundo por gripe desde que empezou este ano, tampouco. Porque é algo coñecido, combatible nalgunha medida, coma todos os males, pero que se asume como inevitable, con paciencia e resignación. Un gripazo. E algúns, poucos, pois morren porque está de ser a cousa así; sobre todo, lóxico, vellos xa enfermos. Ninguén morre simplemente “de vello”. E a gripe é unha das causas víricas habituais. En fin, sabemos da eficacia das vacinas para ela, e poñémosllas ao alcance da xente e o que non quere poñela, pois é asunto particular. E si, todos sabemos que para morrer só é imprescindible estar vivo. O resto son circunstancias. 

Nun edificio do Álvaro Siza en Berlín hai anos alguén escribiu “Bos días, tristeza” e deixárono estar. E non hai moito, alguén puxo “Biette Lebns”, ou sexa “Por favor, vivide”. Efectivamente, iso é o único que cómpre, vivir con paixón, sen tolerías pero con intensidade. Obviamente non sei cando chegará aquí ese coronavirus -se cadra cando saian estas letras xa está entre nós- pero pensemos que nada se pode afrontar mellor nervioso que tranquilo, e motivos sobros temos para a calma. A pouca morbilidade (0,7 por mil), o excelente sistema sanitario español, a atención mundial que se lle presta, etc. Así pois, pensemos que desde que o mundo é mundo, repítense cousas como esta e, desde hai uns anos, só nos fan asustar con cousas que ao final logran controlar ou estas esvaécense de seu, pois os virus tamén son mortais e teñen o seu ciclo. Así que, acouguen e sorrían cos memes. E se a cousa vai a peor -muta o bicho ou así- pois xa haberá tempo para preocuparse, pero de momento, poñan boa cara a este inverno anovado. Graciñas.

Te puede interesar