Opinión

Papeis de Panamá, traparratrá

Son un ninguén. Non teño conta en Panamá. Agora que o penso ben, non teño ningunha conta ao meu nome só en sitio ningún. Claro que isto a vostedes non lles importa o máis mínimo, e fan ben. A min non me interesa tampouco nada onde teñen os cartos vostedes. Como se teñen o forrollo debaixo do colchón. Pero o que si me interesa, e niso son moi mexericas, é que paguen os seus impostos e cumpran os seus deberes cidadáns porque non é bonito que uns paguen e outros non. E o que se dedica á política e fai indicacións aos demais de como se deben comportar civicamente, pois debe ter un plus de coherencia. O vello refrán aquel de “fai o que o crego dixer e non o que fixer” non pode ser aplicable. E iso que o crego transgresor, con vida máis alá da sotana e sancristía, inspírame, de xeito natural, unha simpatía enorme só comparable á repulsión do político aproveitado. Así, os de hoxe serían como cregos laicos intermediarios coa deusa Democracia pero sen teren as cortapisas vitais dos cregos. Creo que os políticos non fan votos de pobreza, obediencia e castidade pero deberían ser estritos en facer o que predican. E iso de teren cartos agochados, fóra, ou un interese desmedido en faceren fortunas, en vez de centrárense no servizo público, parece feo. É compatible? Para min non. De interesárenlle sobre todo os réditos económicos, que actúen libremente no mundo dos cartos. Pero de movérense polo beneficio do conxunto social, a centrarse nel sen ningún interese máis alá do recoñecemento social por facer as cousas ben. Creo que existen incompatibilidades éticas moito máis estritas que as legais.

En fin. Por iso creo positiva a saída á luz de papeis de Wikileaks, de Panamá, de Penamá, ou de Liechestein. Por iso me caen simpáticos Falciani, Assange, ou calquera outro que descorra cortinas e deixe ver xente de dúas bocas, catro petos e oito morais. Pero. Todo ten un pero. Para que as cousas teñan fiabilidade deben ser sinceras e benintencionadas. E no caso das revelacións deste tipo, deberían ver a luz de vez, todo o material xunto. O contrario soa a ir enzoufando, embarrando a vida política e económica do país, pouco a pouco, pousadamente, lentamente, como quen controla e mide os tempos para facer un dano calculado contra alguén.

Ninguén dubide de que despois da erosión do Soria virá outra fornada de datos sobre outros políticos doutros partidos que hoxe non están en primeira liña, agás na Andalucía dos ERE. Dáme medo e faime desconfiar das intencións ocultas, planificadas. Parece que a sensación que queren proxectar é que todo está corrompido agás eles, os puros, inmaculados, as mans brancas dos xornalistas que investigan estas cousas. En fin, sabemos todos como acaban as mans brancas e a quen beneficia o desprestixio das institucións. Ningún segredo; sempre os totalitarismos avanzan despois de desprestixiaren as institucións democráticas precedentes. O que veu despois, normalmente, foi moitísimo peor. Así que solten todos os datos de vez ou que calen para sempre. Porque esa pingueira día a día, fama a fama, é perniciosa e malintencionada, pois os xulgados actúan libremente. E ás veces, absolven políticos condenados polos medios e a inercia do público. E quen lle devolve o creto a Aurea Soto, absolta en xaneiro? Quen llo devolve aos seis dos paneis? Goebbles, un xenio -un demo- da comunicación, sabía moito disto. Moito.
 

Te puede interesar