Opinión

Pedestais e rotondas

Araíz da polémica xurdida nese barrio de Ourense con personalidade e mar de seu que chamamos Vigo, sobre a instalación nunha rotonda de Coia dun barco, deume por pensar nas rotondas con ou sen esculturas, con ou sen obxectos no seu centro.

E vou empezar levando a contraria a unha sensibilidade espallada. Creo que fixo ben David Ferrer, alcalde de Ourense de outrora, trasladando en 1969 a estatua de dona Concepción Arenal da parte de arriba da Alameda –non me sae chamarlle “bispo Cesáreo”, o ultramontano que excomulgou a Curros- á súa actual ubicación. Si. Aí, a Conchi, subida no seu pedestal, está próxima á Xustiza –a súa grande paixón- e organiza amplamente a circulación nas cinco rúas que nela conflúen. Esa estatua dignifica esa zona da cidade e dálle categoría é entrada á mesma desde a saída central da autovía.

Outra cousa é a rotondiña do Afiador, a da escultura de Xosé Cid, entre As Lagoas e a estrada de Ponferrada e Loña: o ángulo de xiro é excesivamente pechado e rara é a vez que un non aproveita para subir un pouco ao bordiño suave que agora lle puxeron. E a estatua ten un pedestal modesto, como outros moitos dos tempos modernos. Pensemos no cabezolo de Ferro Couselo, no cabezolo de Celso Emilio en Celanova, na peaña de Otero da Praza do Correxedor. Si, alí, entre os contedores do lixo. As outras rotondas todas –Mariñamansa, etc- son amplas, xenerosas e funcionais.

Eu penso ben dos pedestais. Antes, cando se erguía unha estatua a algo ou alguén era porque destacaba e querían servise como exemplo. Falo, por exemplo, do Padre Feijoo, de Concepción Arenal, do monumento a Valentín Lamas Carbajal no Posío, ou, do Anxo de Asorey do Parque de San Lázaro. Pero logo todo, nunha especie de iconoclastia de baixa intensidade e nunha democratización de tábula rasa curiosa, baixáronse os persoeiros dos pedestais e puxéronse ao nivel de calquera. Penso, sen ir máis alá, na de Castelao na Rúa da Imprenta ou en Blanco Amor na Alameda de Arriba ou noutras moitas cidades onde os escritores se sentan cabo da xente. O Fernando Pessoa no Chiado lisboeta, o Cunqueiro en Mondoñedo, o feísimo Casares de Pontevedra... E despois veu a cousa de facer estatuas non a persoeiros exemplares, senón a “oficios”. Así leiteiras, castañeiras e podíamos seguir ata o infinito botando mau dos libros de Xocas: ferrreiros, ferrradores, meleiros, veleiros, vendimadores, pedreiros, capadores, limpabotas, empregados do comercio, profesores, carcereiros, matachíns, albaneis, chocolateiros, arregladores... todos eles tan dignos como as persoas que os exercían, ou que exercen os novos oficios que antes non existían: informáticos, mecánicos, chapistas, depiladares e depiladaras... Estatuas para todos? E logo por que non?

E o de Vigo? Eu, sobre Vigo, teño claro que lle poría un pedestal de catro ou cinco metros aos cabalos de Juan Olivieira na entrada: moitas veces esa preciosa espiral que sobe cara ao ceo está tapada polos camións e autobuses. E do de Coia non sei se será teima do alcalde... porque na Coruña teñen un barco pequerrechiño na entrada... E claro, este é tan grande...

Te puede interesar