Opinión

PENSIONISTAS, ETCÉTERA

Cadroume estar na Arxentina nunhas eleccións nas que o Partido Blanco de los Jubilados sacou un bo resultado. Naquela cidade desproporcionada que é Buenos Aires, de máis de quince millóns de habitantes, e nunha Arxentina moi lonxe dos estándares sociais e de dereito europeos, había moitos traballadores xubilados timados polas mutuas sindicais peronistas. Pasábano mal. Evaporáranlles os cartos cotizados. E isto, que non ten nada que ver connosco, seica, veume á memoria a raíz do tema dos pagamentos das menciñas por parte dos xubilados españois. E pensaba que cómpre desterrar a idea de considerar 'pensionista' como sinónimo de 'pobre a protexer'. Explícome. Pensionista, como persoa, son substantivos tan xerais que acochan realidades radicalmente distintas. Hoxe, cos medios informáticos, é fácil cruzar información de recursos correntes e capital disponible, e poder entender mellor a situación real dos integrantes do colectivo antes de asumir beneficios indiscriminados que se converterían en falla de equidade social e gasto errado do erario.


Un xubilado que cobre a pensión máxima (2.522,89 mensuais para 2012, segundo a lei) ou algo próximo ¿a santo de qué ten bus, tren ou menciñas case gratuítas e recibe un trato moito mellor por parte do estado que un mileurista que está tratando de sacar os seus fillos adiante e ten que afrontar hipotecas, estudos e a posibilidade, realidade moitas veces, de perder o traballo? Ademais, é obvio que os xubilados, profesionais liberais de clase media ou alta, xa non teñen hipotecas sobre as súas vivendas, non teñen os gastos asociados ao exercicio do traballo, non teñen fillos en críanza, moitos si segundas vivendas, gozan dos capitais familiares nas súas mans, dun valioso tempo libre, de viaxes do Imserso, en fin, teñen moitísimos menos gastos e moitas veces máis recursos que unha familia nova de clase media ou baixa. ¿É xusto que os xubilados con máis de 100.000 euros de ingresos (pensión máis outros) por lei, só paguen ata 18 euros ao mes polas menciñas?


Non se me entenda mal. Quero toda a protección para maiores en mala circunstancia, sen esquecer a sabeduría previsora do refrán que aconsellaba 'traballar cos dentes para comer coa enxevas'. Pero non toda persoa polo feito de pasar de 65 anos precisa axuda económico-asistencial.


Agora, tempo de vacas fracas, parece que moitas veces son os do medio aos que lles tocará apandar sempre. Entre as anestésicas axudas sociais aos de abaixo -nacionais e inmigantes- a xenerosidade máxima coas familias monoparentais e coa terceira idade por un lado, e o non precisar nada das clases altas, hai situada unha xeración de traballadores intermedios, casados, reproducidos, que mira desacougada o presente e preocupada o futuro. A única seguridade que ten é que non goza hoxe de beneficios e que vai ter que traballar moitos máis anos que a xeración anterior. E nin ten seguro que as súas achegas constantes ao peto da Seguridade Social se vaian transformar en pensións dignas cando lles toque. Sospeita que van acabar cos cartos antes. Se cadra para tapar o burato da banca. Que medo.

Te puede interesar