Opinión

Pianos e micro USB

Convirá o amable lector comigo en que o color das teclas do piano non inflúe para nada no son que emitan. Ou sexa que se pintásemos as negras de branco e as brancas de negro, algo imperceptible, por exemplo, para un pianista cego, este seguiría tocando igual e nós oiriamos a mesma música. Igualmente, se en vez de seren as fichas do xadrez brancas e negras fosen vermellas e amarelas, por exemplo, o xogo desenvolveríase de xeito equivalente. Para que, pois, estes códigos de cores antagónicos ao máximo, branco e negro? Como nos ensinan, tamén, os pasos de cebra -branca pintura e negro asfalto- do que se trata é de facilitar as cousas facéndoas o máis visibles posible. Volvendo ao exemplo do principio, un piano todo de teclas brancas ou todo de teclas negras, sería posible e case irrelevante para os moitos pianistas que tocan cos ollos pechados, mirando ao público, ou movendo a cabeza. Pero irrelevante de todo non, porque ao igual que as letras que están nas teclas da máquina de escribir e que case ninguén mira de xeito habitual, están aí para que, nunha simple e displicente ollada irreflexiva, un teña uns puntos de referencia claros. Ou sexa, os códigos de cores simplemente facilitan as cousas, pero facilítanas moito.

Ben, pois despois do primeiro grande avance no mundo compatibilidade de cargadores de teléfonos móbiles grazas ao mesmo micro usb para todos eles debería haber un segundo paso. Debían usb e micro usb ter cara A e cara B e seren de cores distintas, branca e negra. Cantos millóns de intentos fallidos, cantos de portos de cargadores derramados por intentarmos meter o enchufe do revés! Os micro usb, como o seu nome indica, son moi pequenos, teñen uns cinco milímetros de ancho e á penas un milímetro de groso, aínda así, non son como os enchufes das paredes, non dá o mesmo metelo dun xeito ou doutro, polo que, cal sexadores de polos coreanos, debemos poñer ollos achinados e ver en que parte é un pouquirrichiño achaflanado o cable, para “sexar” logo outro tanto ao aparello antes de conectalo. E moitas veces, somos humanos, dubidamos de se o estamos metendo ben ou se estamos exercendo presión de máis.

E así, noutro momento da historia, cando se deron en usar os brancos e negros para resaltaren as pezas dun piano, eran froito do puro pensamento lóxico. A ninguén se lle ocorría considerar que facer todas as teclas brancas ou todas negras aforraría custos. Agora todo vén sendo máis complicado. Seguramente alguén pensa -algún chinés- á parte do aforro de custos, na cantidade que se estragan, promocionando así, a obsolescencia do aparello. E nada máis fácil no mundo que enchufar sen pensar calquera chintofaniño destes pequeneiros, sabendo, simplemente, que a parte branca iría para riba e a negra para abaixo. Ou ao revés, que racista non son. Pero sempre do mesmo xeito, globalizadamente. En fin, que nacer naceu ben o micro usb, pero agora hai que perfeccionalo. Como todo na vida.

Te puede interesar