Opinión

As pitas no bus e a querilancia

Hai uns días un home acabou na “perrera” -como lle chamaban antes ó calabozo- da Policía Local por complicárselle a xestión de levar nunha caixa de cartón dúas pitas que acababa de mercar, nun autobús. E a noticia viña ser unha máis das estrambóticas deste verán. Xa saben, que se o cadelo bañista da fonte da Praza do Ferro; o tipo que na Av. da Habana pon unha mesa no medio da calzada, etc... Algúns cren que nesta cidade algo raro nos pasa. 

E pensei no enfado do vello -non vexo un rapaz novo comprando pitas- e sentinme irmandado con el.  Non coas formas, se é que foi agresivo cos axentes como din, pero si co fondo. E pensei na perniciosa sobrerregulación que padecemos. Si. Porque canto máis acúmulo de normas, regulacións, etc.  máis diminúen cousas como a educación, o sentido común, o saberse comportar, e a tolerancia. Que mal facían as pitas na caixa de cartón? Ninguén pensou no problema do vello para chegar a casa coas súas galiñas? Parece que se lexisla para os pacientes de paranoia querulante.  Explícome. A querulancia -de querela- é un tipo de comportamento que pode ser patolóxico no que unha persoa sente constantemente que está sendo maltratada, humillada, ou inxuriada por terceiros ante situacións normais e cotiás nas que non hai vítimas nin culpables de nada, e a partir de aí quere emprender accións legais contra as persoas  que supostamente a prexudicaron.  E así, a moitas normas, moitos preitos, e moitas “vella do visillo”. O outro día pasou ao meu lado en Baiona unha señora e berroulles a uns vellos baioneses que sobrepasaran un valado municipal, á hora do solpor, para ver como ía o remate das obras da beiramar. “Oigan, eso que hacen es ilegal. Está prohibido. No se puede pasar”. Os vellos miraron para ela como se dun marciano se tratase –polo acento coñecíase que viña de máis preto- sorriron e seguiron falando entre eles. Esforceime e calei.

E que ultimamente estou moi sensibilizado co totalitarismo. Oito persoas contei o outro día uniformadas, con porras e esposas colgadas da cintura, na Estación, antes de facerme levantar os brazos despois de deixar a miña perigosísima equipaxe no escáner, pasar ao control e achegarme ao tren. E si. Avanza. Nada disto vin en Berlín, por exemplo, aí atrás. Debe haber máis sinais de prohibición en Ourense que na capital alemá toda. O tranvía zigzaguea polo medio da cidade sen ningunha advertencia especial. Xa se sabe que cando veña hai que se apartar. O cidadán parvo non é. O estado totalitario -máis alá de se é ditadura ou democracia- trata de regular, marcar, pautar, totalmente as relacións entre os individuos e coa falsidade da protección do benestar dunhas persoas ás que desconsidera, fai recuar a súa liberdade, incluso a expresión dunha opinión libre. Xa está todo pensado e o único canon é a Verdade Oficial. É o que non a comparte, xa é ridiculizado e alcumado de fascista, negacionista ou así. E se cadra, só é un libertario, un liberal, ou, simplemente, unha persoa común non abducida pola marea.

Por exemplo, eu abomino que os cans sexan os sucedáneos dos nenos e cando vexo alguén dándolle biquiños a un cadelo vestido ou sen vestir, dáme tanto noxo como oír “todes”. E penso que ninguén me pode obrigar a pensar que o coche eléctrico é máis ecolóxico có de gasoil, porque sei que non o é. E que unha persoa sexa gay, hetero ou célibe, tanto me ten; non creo que sexa motivo de orgullo de nada; como se ten os ollos azuis ou marróns. E non me gustan os letreiros de “Espazo libre de violencia machista” porque é unha evidencia que son todos e non se debe pasar por menos. E penso, tamén, que o que queda de segundo nunhas eleccións debe felicitar ao que queda de primeiro ou queda de maleducado. Liberdade, educación e responsabilidade abondan para vivirmos xuntos.

Te puede interesar