Opinión

Os pitos da Praza do Ferro

O cartel do Entroido da miña admirada Isabell Seidel non me acabou de encher o ollo. E iso que as cousas de Isabell sempre as gabo con intensidade e sinceridade. Pero hai un detalle nel, que ela non tiña porque saber, que me amola. Pero sigamos. O lema do cartel é perfecto -Ourense capital do Entroido- e representa o que debería ser... e case xa é. Pero para afianzalo, para converter Ourense nesa capital dos entroidos da Galicia sur, entre outras capitalidades que debe exercer -termal, vitivinícola...- deberían os poderes públicos facerlle caso á carta ao director desoutro día aí atrás neste xornal, na que unha señora cuxo nome non lembro suxería facer aquí un desfile de todos os entroidos ourensáns xuntos. Imaxinen o atractivo turístico dunha convivencia por unhas horas nun espazo común ao redor dun gran Meco na Praza Maior, e un desfile con agrupacións -en plan “escolas de samba” cariocas- formadas por boteiros, felos, cigarróns, pantallas, troteiros, vergalleiros, o rei de Covelo e tamén do sur de Lugo, o oso de Salcedo, o Entroido ribeirao... etc. Sería, sen dúbida, algo, sumamente orixinal, particular, interesante e atractivo para propios e alleos. Virían de todos lados a este dinámico expositor sinérxico e trouleiro. A todos faría ben, a ninguén mal, que é ao máximo que se pode aspirar nesta vida. 

En fin, volvamos ó cartel, o debuxo estaba ben, pero o remate da fonte da Praza do Ferro estaba mal. Nada tiña da épica que lle correspondería a unha aguia bicéfala coroada, símbolo dos Austrias, feita no momento dunha das reformas do Patio dos Bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil que é de alí de onde veu, como sabemos sen dúbida, desde o documentado artigo de David Padrón González publicado en 2002 no número 9 da revista Porta da Aira.

Como existía un certo engano arrastrado por xeracións (entre outros Otero e Risco) de que viña de Oseira, alí se fixo unha réplica case exacta da mesma. A principal diferenza é que a de Oseira é só de pedra, e a de Ourense ten o remate, as cabezas e pescozo das aguias da cima, feitas en ferro. Fíxense ben. Ferro enferruxado, claro, pero ferro. E, como se ve en todas as fotos vellas e como está na réplica de Oseira, tiña unha pequena coroa circular que lle daba solidez ao conxunto e sinalaba a súa procedencia temporal e estilística. Pois ben, como xa contei nalgunha ocasión, poñendo unha iluminación das festas, alguén chimpou a coroa e todos asubiaron mirando para outro lado. O monumento histórico máis central do vivir cotián dos ourensáns, mutilado... e todos calados coma petos, igual que os que o romperon. Isabell non tiña porque saber esta historia, ou inda que a soubese non era a chamada a restaurar vía cartel o que deben facer ferreiros vía Concello. E sen coroa, máis ca dúas aguias señoriais parecían no cartel disfrazadas de pitos mollados e asustados. 

Como está a cousa tan complicada nisto de votar nas eleccións locais, mirarei con lupa a ver se algún programa electoral ao concello fala da restauración da coroa porque maiores piolladas teño lidas nalgunha publicidade xa. Ademais é tan fácil como mirar fotos vellas ou copiar a cora da copia de Oseira e encargarlle o tema a un ferreiro. Se ninguén protestou cando a chimparon, con menos motivo protestarán cando lla repoñan. Iso si, que non sexa de aceiro inoxidable.

Te puede interesar