Opinión

A placa da rúa Afonso X, etc.

Ourense ten, por decisión do Concello de Ourense de febreiro de 1975, unha rúa dedicada a Afonso X o Sabio. Para o meu ver, e co máximo respecto aos veciños, esa rúa é pouca cousa para o autor do maior monumento da lírica europea medieval, criado en terras aurienses e en cuxa vida se ergueu, por exemplo, o Pórtico do Paraíso da nosa catedral. (Algo semellante lle pasa a Rosalía de Castro, cunha rúa ínfima.) Ademais, este Afonso X mediou entre o bispo e os veciños da cidade, no medio do século XIII. Curiosamente, a zona de España que toma a Afonso X por bandeira é Murcia. Nesa cidade hai un céntrico paseo co seu nome e ducias de centros públicos e negocios privados. Si. En Murcia, conquistada por Afonso X ao poder musulmán -co que, de paso, coutaba a expansión catalá polo sur- celebrouse no ano 2009 unha espectacular exposición sobre a cultura e a vida cotiá da época, na que, por única vez, se xuntaron os catro códices das Cantigas de Santa María. 

En fin, que desde Galicia perdeuse a oportunidade de facer algo grande semellante neste seu oitavo centenario do nacemento e, de paso, reconciliarse con que o republicano Manuel Curros Enríquez chamou “o único rei Sabio que no solio de España tivo asento”. 

En fin, Ourense creo que debería facer dúas cousiñas minúsculas, dun par de centos de euros. A primeira, cambiar a placa da rúa. Alguén redactou algo que provoca vergoña allea a quen saiba algo. Di, textualmente: “Afonso X o Sabio (1221-1284). Rei de Castela e León, educado en Allariz, que cantou ó ‘boon viño de Ourense’ nas suas Cantigas de Santa María”. Chama a atención a confusión de situar dentro das Cantigas de Santa María algo pertencente a outra actividade tan distinta como son as Cantigas de Escarnio. Efectivamente, a tan coñecida cantiga do “Bo viño de Ourense” é, seica, unha ironía sobre un crego -mestre Johan- moi pesado á hora de dicir misa. Pero lonxe esta sátira persoal de ter nada que ver coa Virxe nin coas súa Cantigas. Cambiar esa placa e facer unha redacción que non nos deixe en ridículo ante calquera visita culta é cousa ben barata.

A outra cousa é reeditaren o texto “Alfonso o Sabio e Ourense” que viu a luz en 1980, a cargo do Concello e Deputación, elaborado polo historiador alaricano Alfredo Cid Rumbao, única persoa que foi cronista oficial de ambos lugares, Allariz e Ourense, e ben merecedora, por certo, de lembranzas e agradecementos polo seu esforzado labor de compromiso cultural. E digo reeditar e non reimprimir porque orixinalmente viu a luz en forma de folleto monocromo, letras minúscula, sen ilustración ningunha e cun uso da lingua que hoxe estrañaría, pois daquela nin “normas” había. E digo folleto non como despectivo, nada máis lonxe, senón porque non ten lombo e ten 45 páxinas e para a biblioteconomía e a Unesco, cómpre, para ser libro, ter polo menos 49 e lombo. En fin, creo que “peneirando a lingua”, subíndolle o tipo de letra, comentando minimamente o texto, complementándoo con fotografías dalgúns dos documentos e dos lugares citados, poderiamos ter, tamén por poucos cartos, unha nova versión dun texto de difusión, e xa ascendido a “libro”. 

Como a exposición que hai en Santiago organizada pola Consello da Cultura Galega virá a Ourense despois, non sería mal momento para facer estes dous acenos á memoria daquel rapaz que hai case oitocentos anos andou polas rúas de Maceda e Allariz e, se cadra de Ourense, gozando tanto do noso bon viño que aínda o lembraba de vello. 

Te puede interesar