Opinión

PLAN XERAL, ETC.

Pois pasou o que pasou. O que todos temían e ninguén quería... polo menos de boca para fóra. A suspensión do PXOU abriu a caixa dos tronos e chove para todos. E isto cando estamos case inmóbiles pois a construción bocexa de por si. Pero poñámonos optimistas; outros tempos virán e queda moito grao que moer. Así pois, como auga pasada non move muíño, hai que organizarse ben para destupir os regos e que a auga chegue abondosa e limpa por levadas dereitas e ben enlousadas a ese muíño da Praza Maior no que terán que moer todos, á rolda, uns anos uns e outros outros, segundo lles vaiamos dando a concesión. E debemos mirar ben que nas canles, xusto antes da entrada no muíño, haxa unha reixa para que non caian dentro paus, animais mortos ou nada que poida facer engarrar o rodicio, frear a moa e derramar a muiñada. E debemos aproveitar que está hoxe en reparacións e varrer con limpa vasoira de xestas o lugar onde cae o grao moído; para que cando volva xirar a moa, cun muiñeiro experto que non sise, se poida apañar unha flor de fariña limpa e inmaculada coa que amasar o pan da cidade.


Pero, claro, o que derramou o muíño que pague o arranxo. É mellor isto que metelo no cárcere, pois a xente tense que manter de por si. E que os cartos de todos son moito máis sagrados que os de cadaquén. Que os meus podo fundilos en foguetes ou convidar a comer a mil persoas, se me peta; pero coas cotas que pagamos para a xestión desta comunidade de veciños que chamamos Ourense, moito ollo. Non vale isto de que chimparon o Plan, ui que pena, haberá que facer outro. Nada diso. Igual que me pexaron a conta bancaria por ir un día en Biduedo a 72 por hora nun 50 e facerme o avión coa multa, hai que trabar (frear e morder) á conta ou capital do ou dos responsables. Non sei quen é -político, técnico, delineante, bedel, encargado das fotocopias, informático, xornalista, telefonista, avogado...- nin a verdade me importa moito. Malo será que o que sexa non teña cartos ou terrras para pagar do seu peto, polo menos, a redacción do novo.


En fin. Que non. Que gobernar non é andar arregañando sempre os dentes e mandar por sumar un voto máis. Que non. Que neste tempo, varridas utopias totalitarias, no que todos estamos de acordo en que o noso sistema occidental é o máis eficaz, e ninguén cordo se plantea a eliminación da propiedade privada, a colectivización das terras, a instauración da ditadura do proletariado, ou un réxime autoritario orgánico fascista ou unha monarquía absoluta, as grandes cousas, cantas máis mellor, deben ser froito de acordos e concertacións políticas que non de simples votacións a decidir por un voluble votiño de nada. Falo, claro, de ensino, sanidade, estrutura do estado, terrorismo, orde pública, defensa, grandes liñas de política económica, infraestruturas e pouco máis. E esa cultura política, a que sacou a Alemaña da crise, debe rezar a nivel estatal, autonómico e local. Que un PXOU poida ser cousa dun partido fronte a outros é, perdoen, un disparate feo. Cordura, cordo e acordo, son da familia. Por algo será.

Te puede interesar