Opinión

Pola desaparición do noso concello

Como título provocador non está mal, pero a cousa ten miga seria, non crean. Empecemos. Nas eleccións, como ben nos lembrou Maribel Outeriño, hai moitas cousas miúdas, cotiás, das que non se fala pois os políticos acostuman divagar sobre “o seu”, nunha dimensión que moitas veces se nos escapa ou nos cansa. Pero tamén hai grandes cousas, máis ambiciosas, cuxo debate é necesario e tamén están fóra do foco: “non toca” ou, peor, “non se pode tocar o tema”. 

E ao que vou é á necesidade de “superar o réxime de 1833”, reformulando o tecido administrativo de España. Sabemos que nesa data naceron os concellos, as deputacións e as provincias e elimináronse os señoríos laicos e eclesiásticos, etc. O obxectivo dos concellos era manter unha relación directa de control dos cidadáns: identidade, impostos, servizo militar... E para iso cumpría unha administración, como moito, a un par de horas a pé ou a cabalo, pois outra forma de moverse non había. 

Hoxe, coas aldeas baleiras, coas comunicacións na fase na que están, coa ciberadministración imparable, etc. non se pode manter unha fórmula administrativa que só sobrevive polos intereses creados ao seu redor. Imaxina vostede unha empresa coa mesma estrutura de departamentos, oficinas, etc. desde inicios do séculos XIX? Pois é preciso axeitar as cousas aos cambios dos tempos. 

En Ourense temos, por exemplo, cinco concellos con menos de 500 habitantes (Teixeira, Beade, Larouco, Pontedeva, Chandrexa de Queixa), outros 21, con menos de mil; 31 máis, con menos de 1.500... Ourense, ten 103 mil (á baixa) e só outros catro pasan de 10.000 (Carballiño, Verín, Barco, Barbadás). Pero fóra de Galicia, moitas veces peor. Navarra ten 272 concellos e deles 46 teñen menos de 100 habitantes. E 151 non chegan a 500. No País Vasco hai 62 concellos con menos de 500 habitantes. En fin, o control social dos votantes nestes concellos minúsculos é enorme.

Ben. Entrementres non chega a reforma desde arriba -que se non a impuxo Europa xa, é porque en Francia fracasaron no intento coa lei Marcelino e aínda hai case 36.000 “comunas”- entre mentres non chega, digo, era bo garantir que Ourense non baixase dos cen mil habitantes. E como a poboación é vella e os vellos, en fin, non se van pór a ter máis fillos cós xa tidos, pois algo hai que facer. Retorno e inmigración? Claro. Pero reformas administrativas tamén, e estas teñen efecto inmediato. Creo que sería lóxico fusionar Ourense, Barbadás, O Pereiro e San Cibrao de Viñas. Cando menos. Non pensan que é razoable que os polígonos de San Cibrao e Barreiros, e do Pereiro e o comercio de Barbadás, tributasen na cidade ao redor da que xira o seu negocio e os seus traballadores? Os que teñen que ir ao Polígono de San Cibrao saben dos malos transportes que hai porque “non son Ourense”. Xuntos estes catro concellos teríamos 127.000 veciños. E como a unión fai a forza, creo que nos beneficiaría a todos. E a vía non debería ser a absorción, como con Canedo, senón a fusión, e que habería que actuar con calma e creatividade. Os electores de cada concello de hoxe poderían escoller, por exemplo, un par de concelleiros directamente (xa teriamos oito) e o outros 19 nunha lista común. Así garantiríase a presenza de todas as sensibilidades locais e a unión de todos nun proxecto unificado. 

En fin. Para min que en Galicia ben se poderían subsumir os 313 concellos nas 53 comarcas existentes e faceren 53 grandes “concellos comarcais”. Das comarcas, 12 son en Ourense. Unir recursos é sempre boa cousa. Si. Estaría ben que desapareza este concello de Ourense por ascensión a mutase nun máis grande Ourense cos amigos e veciños dos hoxe “arredores”. 

Te puede interesar