Opinión

PRAZA MAIOR

Anosa Praza Maior chamábase hai moitos séculos 'Campo' porque alí estaba o campo no que acababa polo norte a cidade. Referímonos ao tempo da antiga idade media, cando a cidade se estendia en paralelo ao Barbaña máis ou menos entre este Campo norte e o Pousío, terras cultivadas deixadas en barbeito, a pouso, repouso ou pousío, para zona de alimento do gando da cidade, ao sur. Logo, posiblemente, gastouse a palabra e converteuse en Posío. Poida. E a construción da catedral desde o século XI e posterioremente Santo Domingo, Santa Eufemia, Facenda, Goberno Civil e Torre de Ourense, en cadanseu momento, turraron da cidade cara ao norte. O espazo Campo pasou de estremo a centro e logo a centro sur. E mudou moi axiña, o nome por outro máis urbano, Praza do Campo.


Afonso X di nas súas partidas de mediados do XIII que os mercados cómpre facelos en sitio fixo, onda sempre, para facilitar control e recollida de tributos, e así foi sempre alí. Máis adiante, en 1480, unha ordenanza dos Reis Católicos fixa a necesidade de que as Casas municipais e os mercados se fagan xuntos nuns espazos ao xeito, e lexisla que se chamen Prazas Maiores. No sur de España serán de nova creación, porque no urbanismo musulmán non existen, e en América serán moi estensas e tomarán, normalmente o nome de Plaza de Armas. En Ourense, pouco e pouco, vaise introducindo o novo nome nese campo inclinado e convive moito tempo tamén con outra chamada Rúa da Praza para a zona dos prateiros que se estendendían polos actuais soportais da Praza do Trigo ?a Praza- cara á rúa Hernán Cortés, nos séculos da idade moderna. Logo, hai menos de dous séculos, a feira trasladouse ao San Lázaro, de aí aos Remedios, e logo acabou pasando o río, xa co concello unificado, no anos sesenta do século pasado.


Como é ben sabido, a Praza Maior foi sempre o centro das celebracións da cidade, fosen festivas, funerarias ou sociais. Alí houbo 'fontes de viño' para celebrar fastos reais, concentracións variopintas, e, desde o XIX foi o centro comercial de cafés, farmacias, pastelerías, librerías... mais co 'ensanche' da cidade ao oeste e norte -Progreso e Paseo- a Praza Maior vai quedando como lugar de lecer e paseo dos señores e das señoras ?o lembrado 'espolón' que sempre gababa Otero- e, desde hai uns anos, nas súas agadabilísimas terrazas.


Así pois, creo que convén peneirar con trama de flor de fariña as actividades a facer na Praza Maior. Si mercados de antigüidades, si pregóns de festas, si banda de música, si cousa efémera que ocupe espazo poucas horas. Meus señores, unha Praza Maior, máxime se é a única inclinada de España, non pode ser lugar de asar churrasco, facer kebabs, preparar cuscús, cocer pulpo ou montar xaimas ou toldos abafando o espazo todo. As prazas maiores sonlles, si, para que paseemos, charlemos, e tomenos café ou copa, os señores e as señoras. Ou sexa, pola nova, os cidadáns todos da república de Ourense. E os amigos que nos visiten.

Te puede interesar