Opinión

PRIVILEXIOS

Privilexio é unha palabra de orixe latina composta de 'privi' e 'lexio' que é fácil relacionar con 'privada lexislación'. Así, os privilexios serían normas particulares de aplicación só a grupos concretos. Pero por extensión, chamámosllo a calquera beneficio que nos pareza desmedido e xeneroso. Así falamos dos 'privilexios' dos millonarios ou dunha educación 'privilexiada' cando con máis propiedade deberíamos, se cadra, falar de 'vantaxes de ser millonario' ou dunha 'educación esmerada'.


E a medida que as normas particulares se estenderon por distintos grupos socioprofesionais, dereitos e privilexios tenderon a confundirse. E ambos están relacionados coa historia, vontade e capacidade de organización e influencia do grupo determinado. Por exemplo, todos sabemos que os de Fenosa non pagaban luz, os da Renfe tiñan viaxes gratis ou case gratis, como os de Iberia, etc. Ás veces, desde o vello estado corporativo franquista, moitas destas normas acochaban beneficios sociais compensatorios de baixos salarios, formas organizativas que esixían a presenza constante ou incluso fidelidades básicas. Falo, por exemplo dos dereitos de consorte, das vivendas escolares, das casas cuartel da Garda Civil ou militares, das do delegado de Facenda ou director do Banco de España, por exemplo. Ah. E residencias. Hai uns días souben que os empregados dos ferrocarrís Feve tiñan o privilexio de usaren as estacións rehabilitadas como apartamentos vacacionais ao longo da costa cantábrica. Tamén está claro que algúns destas pequenas vantaxes -lentes, dentista...- estaban á súa vez compensadas por impostos pagados a través de mutuas con réximes particulares -Muface, Isfas, etcétera-. En fin, os sindicatos adoitaron incluílos nos convenios colectivos o que incrementou tamén, claro, a fusión ou confusión entre privilexios e dereitos. Excepción a falla de defensa da matrícula gratuíta para os mestres ou fillos que morreu sen voz sindical en favor.


Pero non todos tiñan. Ninguén pensou nunca en perdir, por exemplo, que os empregados de Facenda non pagasen impostos, ou que os de Tráfico ou dos concellos estivesen exentos de multas de tráfico ou aparcamento. E se algo houbese de facto o que o iure non daba, pois sería pura corruptela, irmá pequeniña da corrupción. Ben, pois agora se cómpre podar porque se tema que árbore do sistema poida secar de tanta follaxe e de tanto teren cavado ao pé os banqueiros, pois adiante con decisión. Pero a pagar todos todo. ¿Matrícula gratuíta para fillos de profesores universitarios?, ¿e por que? E así, un por un todos os privilexios citados ou intuídos. Si. Como arrebolaron o meu pequeno privilexio de escaso custe e grande rendibilidade (milleiros de fillos de mestres accederon á universidade favorecidos con esta norma), vexo ben, claro, a abolición de todos os privilexios laborais, políticos e sindicais para que todos xoguemos coas mesmas normas e leis. Así, un expresidente do goberno ou deputado, por exemplo, só cobrarían paro polo tempo que correspondese coa súa cotización. E só mentres non topase outro traballo, claro.

Te puede interesar