Opinión

Procesar á Audiencia Nacional?

Hai unhas semanas, se cadra catrou ou cinco, escribíalles sobre as conveniencias e inconveniencias da chamada xustiza universal. De como por unha parte era bo que ningunha zona do planeta fose allea á percepción de xustiza que temos hoxe, filla da evolución da nosa sociedade a través dos séculos, e por outra dos perigos de que nunha interpretación excesivamente rigorosa calquera xuíz puidese chamar a declarar a calquera persoa do mundo. E puña por exemplo, o desestabilizador requirimento español para que declarase nin máis nin menos que o Presidente de China pola invasión do teocrático Tibet alá nos anos cincuenta, ou o dunha ociosa xuíza arxentina que se puña a investigar, nin máis nin menos que os crimes do franquismo ao longo de varias décadas, comezando hai máis de oitenta anos. En fin. Está claro para que se fixo a reforma e para que non. Os nomes propios son China e Estado Unidos. Os casos Tibet e do xornalista de guerra ferrolán Couso, a quen lle confundiron, seica, o teleobxectivo coa boca dun bazoka. Ou iso din. E chamaba ao sentido común e dicía, que seguramente habería outras interpretacións posibles da reforma da Lei da xustiza universal que fixo o goberno de España que non esa de poñer na rúa a narcotraficantes, botándolle a culpa, de paso, aos gobernantes por ter tomado a iniciativa e concretado unha reforma discutida.

E agora, o Tribunal Supremo, ese organismo superior onde están integrados xuíces progresistas e xuíces conservadores de máximo rango intelectual e máis longa traxectoria, ditamina por unanimidade –cousa de agradecer- que o feito pola Audiencia Nacional foi un disparate. E decreta a anulación da posta en liberdade dunha chea de narcotraficantes, que, ou moito me engano, ou están pousando as armas sobre a mesa ao lado da piscina, tomando un daikiri, e contando entre risas aos seus secuaces, os pormenores da súa liberación. Como por un conflito entre poderes españois, uns quixeran fastidiar a outros e os liberaran. E non creo que fagan ningún xiro postal de agradecemento máis ca aos seus avogados, aínda que ganas, supoño, non lles faltarán de ser xenerosos con outros.

En fin, e agora que? Agora nada. Vivimos nuns tempos que parece que hai xente que goza do dereito á equivocación irresponsable mentres que outros só están para levar paus no lombo. A liberación de delincuentes condenados en firme, cunha mostra alucianante de benignidade máxima en favor do criminal, foi un dislate sen consecuencias aparentes para o equivocado. Pois se tal interpretación puidese ser posible por erro ou engano na redacción da lei, debería ser obra dos xuíces da Audiencia Nacional a evacuación de consultas interpretativas ao Tribunal Supremo e paralizar a máquina de liberación de delincuentes. Cada vez parece máis que se interpretou a lei contra o sentido común e contra o sentido da xustiza, que é ou debe ser o fundamental.

Se sempre nos ensinaron qeu os castigos teñen que ser proporcionais ás culpas, que merecían agora estes funcionarios públicos que decretaron a liberdade desa chea de delincuentes?

Gratis eu creo que non lles debería saír, desde logo. Pero aquí, non pasa nada.

Te puede interesar