Opinión

Próxima apertura: O Rei do xamón

Sedúceme nesta ocasión empezar por un titular que resuma o contido principal do artigo, pois creo que as boas noticias canto menos se fagan esperar, mellor. Porque se nós somos nós e as nosas circunstancias, tamén, dalgún xeito, nós somos nós e os nosos bares. Si. Nesta forma de ser e de vivir dos habitantes da vella Iberia, as antigas ágoras gregas mutaron en locais de encontro e charla que podemos sintetizar en de café ou de viño. Lembro unha queixa saudosa que me fixo, alá polos cada vez máis afastados tempos da miña mocidade, Eduardo Blanco Amor. El, un tanto repugnantiño, laiábase do costume de tomar viños, de pé, en itinerancia de local en local, sen vagar, e contrapúñao ás vellas tertulias de café, de cu no asento, de remexer no café mentres se buscaba, perfilaba, aguzaba, pulía, afiaba a idea e a lingua para retrucar á do contertulio; sen présa. E eu creo que ambas formas de relación son plenamente compatibles. Pero ademais, o costume de viños ben modificou a súa realidade nas últimas décadas. Xa non son os tempos cutres das cuncas de viño branco atoldado por cinco pesetas, do botellín en dúas tazas, de petiscos absolutamente secundarios, agás nuns poucos locais: o caldiño do Cadaya, o peixe frito da Luísa, e empanada do Trangallán, a carne ó caldeiro do Samuel, en fin, a orella do Orellas, os mexillóns do Mexillón... Os que se adaptaron, medraron e seguen, outros xubiláronse entre a saudade dos clientes e a esperanza dos relevos: moitos, ben exitosos, pois anovaron e impulsaron locais. Falamos do Pingallo, local estrela, ave fenix da restauración, cun rexurdir marabilloso; falamos do San Xes, mutado a Xes, non por laicismo senón de hábito de quedada; falamos do Comellón, que ao lado do nome un tanto simple ten unha cociña auténtica e magnífica; falamos da maioría dos locais, que ampliaron cartas, especializáronse e contribuíron a fixar o costume de cear a base de dúas ou tres paradas con cadanseus pinchos en vez de quedar para ir de restaurante. Si. Creo que o cear comiscando algo aquí e alá, lonxe da apreciación de Blanco Amor, facilita unha especie de “menú degustación in itínere” e facilitan o intercambio, a socialización entre comensais. A todos nos ten tocado nalgunha ocasión unha situación nunha mesa comprometida, ao lado de quen non nos gustaría; e todos teriamos preferido estar de pé, voantes, e falar con este e con aquel...

En fin, que un dos bares máis emblemáticos de Ourense, o Rei do Xamón, está para abrir na súa nova localización da Prazo do Eirociño dos Cabaleiros, do Cid ou, como lle queiran chamar; entre o Queixo do Manoli e o Lar da Sabela. E o atractivo dos bares non é alleo á humanidade dos donos, e o Rei do Xamón é o exemplo. Todos estamos desexando ter preto o sorriso eterno e os ollos vivísimos e azuis de Puri e a graza do Moncho berrándolle á cociña: “Un completo!”, mentres agardamos a chegada da santísima trindade do local: croqueta, tortilla e un do forno. E si. Sei que abren porque o outro día pasaba polo Eirociño e vin a ambos saíndo do local e achegueime ver como lles ía a reforma. Amablemente -marca da casa- convidáronme a pasar. Está acabado e precioso. Deica pouco, verano. E non vou facer de destripacontos. Simplemente lles direi que é cómodo e moderno, sen abafar. Agradable, amplo e estudado. E xuráronme que ía ter a mesma carta de pinchos “de sempre”. E dixéronme que para o Nadal, xa estaría. Boa época, desde logo, para facer nacementos ou renacementos. Parabéns por adiantado. Vémonos alí. 

Te puede interesar