Opinión

Ramón Piñeiro, cen anos

Opinión

Ramón Piñeiro, cen anos

Mañá cúmprense cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro, un dos galegos máis influentes e polémicos –ao seu pesar- do século XX. A maioría da xente non sabe quen é, aínda que algúns estudantes lembren que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2009. Non foi literato, pero esta condición non é imprescindible, pois pódese facer moito pola cultura das letras dun país sen crear literatura. Así, por exemplo, Manuel Murguía, Ferro Couselo ou Ramón Piñeiro non eran escritores de creación senón historiadores os dous primeiros e pensador o terceiro.

Digo que foi un dos galegos máis influente do século XX e se cadra debería dicir o que máis, de pensarmos no mundo da identidade galega. Explícome contándolles quen era o o porqué de que fose polémico. Como naceu hai cen anos a Guerra Incivil pillouno de rapazolo dirixente das mocidades do Partido Galeguista. Fixo a guerra da parte que lle cadrou e ao acabar pensou xunto con outros mozos en reconstruír clandestinamente o Partido Galeguista. Pero como as cousas foron mal, detivérono ao volver dunha misión en Francia, estivo no cárcere tres anos, ata 1949, e reflexionou moito. Ao saír da cadea, pensou que era tempo de abandonar a actividade imposible partidaria, e promover a constitución dunha editorial –Galaxia- que usase as posibilidades da actuación legal e turrase pola cultura galega. Así, pois, desde 1950 dedícanse a repescar escritores, animalos a que volvesen a escribir prosa e poesía en galego e darlle paso tamén ás novas xeracións. Desa “repesca” nace, por exemplo, o Anxel Fole de “Á lus do Candil” (1953) ou o Álvaro Cunqueiro do “Merlín e familia” (1955), por non citar outros narradores de antes da guerra, xa maduros, como Otero Pedrayo ou Vicente Risco. E da ocasión que lle deron na colección Illa Nova aos máis novos, rapaces sen vivencias da guerra, sairon autores como Méndez Ferrín (“Voce na néboa”, 1957, ou “Percival e outras historias”, 1958) ou como o Carlos Casares de “Vento ferido” (1967). Nos anos cincuenta e non digamos nos sesenta, o centro da cultura galega, xa estaba de novo en Galicia e non na vella emigración.

O esforzo cultural por popularizar a cultura galega de forma progresiva e sen vinculación partidaria durará ata a chegada da democracia e autonomía. Daquela inflúe nun grupo de intelectuais que se chamou “Realidade Galega” e que decidiron non resucitar o Partido Galeguista. A idea era simple. Cumpría que o tema da identidade galega fose algo asumido por todos e non cousa dun partido, como na II República. Así animou aos seus amigos a que entrasen nas formacións que lles resultasen máis próximas –conservadores, centristas, socialistas...- e dentro delas mantivesen posturas galeguizadoras. O éxito desta operación, na que el participou como independente nas listas do PSOE, implicou, por exemplo, a aprobación unánime da Lei de Normalización Lingüística ou que exista unha TVG que emita de xeito exclusivo en galego. Esta operación freou, por outra banda, a creación dun partido galego centrista e moderado.

Como impulsor destas dúas ideas, a de centrárense na cultura nos anos cincuenta, e a de faceren do galeguismo algo comunal, máis alá dos partidos, foi acusado de todo, ata ser ser axente da CIA. E así, os que quixeron ter a lingua e identidade como marca propia e exclusiva nunca llo perdoaron.

Comentarios