Opinión

A realidad e o poeta medieval Joam Arias

Os poetas son eses seres que son capaces de expresar con palabras o que os demais sentimos e non sabemos como dicir.

Joam Airas de Santiago é un dos meus vates medievais preferidos porque ten composicións que non sofren co paso dos anos. Nunha curiosa cantiga de amigo, quéixase a voz poética feminina do cambio dos tempos. Di, entre outras cousas: “Todas as cousas eu vexo partir do mundo en como soían ser, e vexo as xentes deixar de facer o ben que soían...”, e exclama: “Tal tempo nos vén!”. O único que non cambia nunca, di Joam Airas, é o amor...: “Mais non se pode o corazón partir do meu amigo de me querer ben”. Si, esta idea de mudanza dos tempos é consubstancial a toda época, pois a curta duración da vida humana en relación ao transcorrer da historia fai que cada un de nós sitúe a súa propia vida, de forma inercial, no centro e eixo da historia mundial. Desde unha visión egoísta e egocéntrica, o mundo existe só mentres nós existimos. Así tendemos a pensar tamén, que o que pasa nos nosos tempos é moito máis importante que o pasou nos anteriores e moito máis importante que o que pasará nos vindeiros. E depende.

Lembro un texto que nos pasou, creo que Mercedes Durany, nas clases, alá polo ano 1977 no Colexio Universitario, para que datásemos e comentásemos. Era un fragmento no que alguén se queixaba da rebeldía dun mozos desobedecían aos pais, dos pelos longos, do cambio dos clima e do tempo e doutros tópicos. Eu crera, que polo da rebeldía dos mozos e o dos pelos podería ser do maio do 68, pero equivocábame: era das taboíñas cuneiformes de Ur, do ano, máis ou menos, 2500 antes de Cristo.

Así que este ano que esmorece creo que o debemos ver con certa distancia e sen atoldar o horizonte. Un problema menos, o 2014. Un ano máis, ao lombo. Pero outro ano máis, de esperanza, sempre esperanza no novo, ás portas. Certo que pasaron moitas cousas neste. Moitas frontes abertas. Pero sobre todo, creo, unha hiperpresenza da instantaneidade comunicativa unidireccional que nos engana nas perspectivas. As cousas –só se escoitan voces monocordes - parece que van ser terroríficas, únicas... E despois as augas volven ao rego ou deixan de ter interese para os medios co que da noite para a mañá desaparecen. Pensemos no ébola. Pandemia da África pobre que aquí fixo morrer un can e axitarse océanos de tinta. A cidade mártir de Kobani. Ula? Unha perna tapa a outra, di a cantiga popular. Si, unha noticia tapa, esmaga, borra a outra. A confusión eterna entre a opinión pública e a opinión publicada. Que son dúas cousas moi distintas, por sorte. E porque a xente ten máis memoria e non é tan voluble.

Te puede interesar