Opinión

Reciclaxe de carteis

Citar. Hai que citar sempre. Sempre que un cita está demostrando que coñece o que se fixo antes que el e queda ben. Queda, non de sabio, pero si de sabedor. E se reproduce sen citar, está mal, moi mal, porque trata de pasar por propio algo que non é, e queda un senón de mentirán, si de copión. Velaí a polémica polo cartel da Festa do Pulpo deste ano. A min, paréceme bonito. O feito no século XVIII polo naturalista inglés James Sowerby é bonito, e a reutilización da imaxe está bastante ben feita. As cores e parte do grafismo adecúase e ten unha aparencia clásica que vai moi ao pelo do debuxo orixinal. Mágoa que non citase na presentación a orixe do debuxo e amosase un libro vello con ela, por exemplo, porque así o autor que non quedou ben e podía telo feito sen problema. En fin, cousas do directo.

Pois onte pasando polo Carballiño pensei ben do seu goberno municipal. Por un tema radicalmente menor. Ou non. Vostedes xulgarán, pero que en calquera caso, a min chamoume á atención. E pensei ben, digo, pola parte que de cutre e aforrica teño. Os carteis colgados dos farois que anuncian a todos os viaxeiros que pasan polas estradas do Carballiño cara ás praias da costa cheas de turistas madrileños, galegos todos torradiños e de pantalón curto, ou cara aos montes cheos de millonarios, milmillonarios e outras xentes tamén normais só que con menos forrollo no peto, pero todos facendo mesmo, dominó mediante, pois eses carteis son os mesmos, fisicamente, que os de anos pasados. A cousa é simple. Unha imaxe, un logo estable, o anuncio da “Festa do Pulpo”, na parte baixa un espazo para o patrocinador de cada cartel (aceites e outras cousas) polo que supoño sairían gratis ao peto municipal, e no centro, a data da celebración. E coincide todos os anos? Pois si, claro. “Segundo domingo de agosto”. Velaí o truco. Nada de poñer día 10 de agosto este ano e que o cartel non vaia para o que vén. Segundo domingo, máis fácil de lembrar, máis fácil de reutilizar. E como saben, se iso da reciclaxe ten bastante de conto do politicamente correcto e de negocio parasitario das administracións (ríome eu da ganancia ecolóxica dos contenedores de papel, por exemplo), os outros dous erres da conservación, redución e reutilización, non teñen dúbida. Así pois, eses carteis, unha vez que pasou o día e pasou a romaría, recóllense, límpanse, enrólanse e gárdanse ata que toca penduralos de novo. 

Vaian, pois, e coman e divírtanse. E xa me gustaría a min que a CIA me pasase os datos dun satélite que, coas orellas dirixidas ao lugar, contase cun programa de recoñecemento de voz cantas veces se dicía alí “pulpo” e cantas “polbo”. Para rir, que para isto sempre é bo tempo.

Te puede interesar