Opinión

A restauración da coroa

Épreciso restaurar a coroa. Sen o prestixio da coroa por riba de todo, o espazo en que nos movemos as xentes máis sensibilizadas pola historia parece incompleto. Seguramente a moitos lles dará igual a existencia ou non dese símbolo cimeiro, pero eu non son, desde logo, un deles. Pero o máis curioso é que non son consciente de cando desapareceu. Cando caeu, cando foi derrubada a coroa. Creo que non foi un proceso de desgaste natural, senón algo súpeto, digamos revolucionario pero que pasou tan desapercibido que nin a prensa o recolleu. Seguramente os culpables calaron e asubiaron mirando para outra parte, seguidores, se cadra, dos tres consellos do pai Bart Simpson (Eu non fun. Isto xa estaba así cando cheguei. Que boa idea, xefe). Ninguén, que eu saiba, promoveu ningún movemento restaurador. E podemos. E creo que debemos.

Pensaba isto o outro día en Oseira vendo a fonte copia da fonte levada para a capital cando a desamortización e posta no medio da Praza do Ferro, que a verdade, pouco ten de “praza” - máis ben encrucillada- e menos de “ferro”, despois de que pechase a ferraxería do Llamas no solpor do século pasado. A verdade é que tal fonte, tampouco ten nada que ver con Oseira,pois sabemos polos estudos dos especialistas que veu de San Estevo de Ribas de Sil nos meses finais de 1856. Suponse que foi construída contra 1722 coincidindo coa última reforma do Claustro dos Bispos daquel mosteiro, co que garda relación estilistica. A estrutura da fonte é simple: Un vaso inferior lobulado e con esquinas, asentado hoxe –que non sempre- sobre gradería, un vaso grande onde se empataban os canos para recolleren auga as mulleres, fuste de cariátides e sirenas, un vaso pequeno, unhas figuras de Eros, e dúas águias viradas de costas como remate... e... Que máis? Pois hoxe, máis nada. Pero onte, hai non tantos anos, tiña unha coroa pousada sobre as cabezas das dúas aguias que, á parte de facer referencia a un motivo heráldico clásico –as aguias coroadas, símbolo imperial- axudaban a darlle corpo e estabilidade ao remate da fonte.

Seguramente non hai fonte máis fotografada en Ourense. Desde as anteriores a 1892 –cando desapareceu a Casa de Alba- ata os milleiros de selfies deste tempo. A través das fotos vense cousas moi curiosas. Como unhas veces tiña degraos –coma hoxe- pero outras intentaron regularizar o nivel da praza e crearon un escalón altísimo ao lado dos soportais da parte oeste; como houbo tamén un par de escalóns para acceder ás rúas superiores – Fornos, Viriato... como era lugar de encontros de criadas e quintos. Nalgunha aínda se identifica un episódico nome, Tomás María Mosquera, noutras é lugar de manifestacións populares nos comezos de século e, por suposto, sempre estaba a coroa por riba das aguias da fonte. E cando desapareceu a condenaita coroa? Pois non lles sei. Non hai moito, creo.

En calquera caso, bentidas copias, gravados, fotografías que moitas veces nos axudan a saber como eran os orixinais. Pois nada, copiemos a copia de Oseira, e que volva a coroa ao seu lugar de a exercer a súa elegante función.

Te puede interesar