Opinión

Ría de xaneiro

Seguramente lles estrañe o título, pero non. Cóntolles. Sempre que saio da casa a un lugar algo raro, procuro mirar algo do lugar. Para sentirme máis do sitio é menos turista. E co nome de Río de Xaneiro sempre tiven a certeza moral de que se trataba dun erro. Como que Río de Xaneiro? Creron que era a foz dun río en vez dunha baía grande? Imposible, pensei a primeira vez que vin o lugar, e van para alá vinte e sete anos. Pero como tantas outras ideas fuxidías, ocultouse nun pregue da memoria ata que por mor da viaxe que me ten hoxe nestas terras irmás volveu reverdecer. Si. Pensaba eu, debía ser Ría de Xaneiro. Os mariñeiros portugueses e galegos que traballaron xuntos na expansión do mapa, non podían ser tan burros. Nin o noso Xoán de Novoa, nin ningún outro. Así que mirei. E coa inmensa satisfacción que produce a proba dunha teoría que nace da pura dedución intuitiva, pódolles dicir que estaba no certo. Si señor.

A cousa é que a esta fermosa e sensual baía de morros, illas, praias longas e pequenas -e hoxe de garotas e garotos escultóricos, desacougos sociais, turismo e estudos- chegou alá polo primeiro día de xaneiro de 1501 un mariño descendente de galegos, Gaspar de Lemos, que lle puxo un nome transparente, Ría de Janeiro (coa ortografía vella, pero pronunciado, claro, Xaneiro). Aquilo era claramente a ría que é, e chegara o 1 de xaneiro. No Portugal de costa lisa como ningunha, ría son só lle chaman á de Aveiro e ás galegas. Así que o Gaspar tería en mente, se cadra, a de Arousa, ampla e aberta, ou calquera outra. De como cambiou de Ría a Río non hai moita dúbida. A confusión era fácil, sobre todo para o que non coñecera as rías –lugares e palabras- e só se guiara polos nomes escritos; nin en portugués nin en castelán é palabra máis frecuente ría que río. Así pois, outro navegador lusitano, Pedro Lopes de Sousa, trinta anos despois da descuberta e bautismo da chamada hoxe xeográficamente Baía de Guanabara, facía unha relación da costa sudamericana empezando por abaixo: Río da Prata, Río Parana, Río Uruguai... e copiou mal, puxo Río de Janeiro. E así se espallou. Entre tanto Río –e xa non digamos en Brasil, con Río Grande do Norte e Río Grande do Sul- era difícil manter a denominación do Gaspar de Lemos e a lembranza a unha ría única naquela costa toda.

Despois o nome pasou da baía á cidade -San Sebastión de Río de Janeiro, fundada hai 450 anos, están de festa-, e acurtado popularmente en “Río” -e a baía recolleu de novo o nome indíxena, Guanabara-. A min téntame a idea de respectar a memoria daquel noso Lemos, e volver á lóxica de chamarlle en galego “Ría de Xaneiro”, feminina como ría que é, e como homenaxe a Helô Pinheiro, máis coñecida polo alcume que lle puxo Vinicius de Moraes, na canción que lle dedicou: a garota de Ipanema. Hoxe é unha espléndida muller de negocios que non oculta os seus setenta fermosos anos.

Te puede interesar