Opinión

O roteiro Carlos Casares

As palabras “optimizar” e “rendibilizar” paracen sacadas dun manual de corrección política. Gústame máis, a pesar dos participios connotados, o vello verbo “aproveitar”. Aproveitar constrúese sobre “proveito” e esta palabra vén do latín “profectus” derivada do verbo “profacere”, facer algo a favor de, en positivo, avanzar. Unha persoa de “proveito” sabemos todos o que é. Así pois, creo que debemos usar os nosos recursos para obter colectivamente proveito e beneficio. Así, se a provincia ten un patrimonio arqueolóxico e histórico impresionante debe aprender a aproveitalo para ese beneficio cun sistema no que se incardinen eses recursos e promovan sinerxias. Falo, por exemplo, do recén nacido Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrán de Las en relación co Museo Arqueolóxico Provincial, co Centro de Interpretación das Burgas, co de Aquis Quarquernis, con Castromao, etc.


E se temos augas quentes na provincia como en poucos sitios de Europa, un Plan Estratéxico Termal como o deseñado magnificamente por Mario Crecente co apoio institucional, só debería concitar apoios.

E se a provincia e cidade teñen un patrimonio literario trascendente que nos sitúa como o lugar de nacemento da narrativa galega contemporánea e un dos lugares urbanos máis literaturizados de Galicia, debemos aproveitalo e saber sacar beneficio do tema. Hai anos, entre o lembrado Marcos Valcárcel, Manolo Figueiras e eu, elaboramos un “Roteiro da Esmorga” para enxalzar a obra e ao propio Blanco Amor e, creo, foi un éxito. Amantes da cultura, estudantes, profesores, teñen nas súas mans un material que lles permite achegarse dun xeito distinto á obra e ao autor.

Pois ben, agora desde o Liceo, a editorial Galaxia e a Fundación Carlos Casares, botamos a andar un roteiro co seu nome por Ourense. Se por Galicia adiante xa ten dedicadas rúas, prazas en máis de vinte sitios (en Ourense en Xinzo, Porqueira, Ribadavia e o Instituto de Viana), nós podemos facer algo máis e algo distinto. Independentemente de que a lugar que o viu nacer lle dedique algunha homenaxe como as descritas, podemos, co roteiro, visitar o centro da cidade da súa man, da man da súa obra; algo que non poder facer ningunha outra cidade. En dezaoito paradas –máis outra en Beiro- percorremos tamén a súa obra de ensaio –centrada en biografías de ourensáns ou na propia historia cultural da cidade-, as súas novelas, relatos e artigos de xornal. Lugares como o Hotel Miño e as súas tertulias, a súa casa natal na esquina da avenida da Habana-Cardeal Quevedo, a rúa do Curros Enriquez que biografíou, a Igrexa de San Francisco, a fonte do Parque de San Lázaro, a rúa do Paseo, a Alameda, Arcediagos, a rúa da Paz de aires oterianos e risquianos, Cardeal Quiroga, rúa de Lepanto, Catedral, praza do Trigo e Praza Maior. Un paseo curto, cheo de evocacións, acompañados polo iniciador do cine, Barbagelata; polo bispo de Ilustrísima; polos mozos de Vento Ferido; polo estudante desacougado de “Xoguetes para o tempo prohibido”; polos intelectuais da postguerra sentados ou non nun “Sillón Azul”; polos amigos como Pepe Suárez ou Blanco Amor, ou moitos outros vellos e novos.

E como calquera ano destes lle van dedicar un Día das Letras Galegas, pois tamén é cousa de ir achegando á cidade a lembranza da súa bonhomía.

Te puede interesar