Opinión

O sacho na cabeza

Desapareceron dos noticiarios aquelas referencias aos paisanos que discutían por un marco dunha finca e un baixáballe o sacho na cabeza ao outro con intención de, digamos, interromper a conversa e solucionar o problema dunha forma definitiva. E desapareceron aqueles cazadores que tiñan escopeta na casa e aproveitaban para levala ás discusións e eliminar, de paso, a algún veciño co que se levaban mal, rematadamente mal. Lembro como último exceso excesivo un tipo de Lugo, non sei se de por Chantada, que matou cinco homes por uns carballos nunha estremeira dunha finca, hai xa ben de anos. Si. Creo que un sacho na cabeza podería ser un bo disfrace. Nada dese coitelo-diadema, de estilo gore-goriño de todo a cen, facendo que atravesa a cabeza. Un sacho espetado –de risas- nun cranio postizo era moito mellor, “máis enxebre”. O problema inicial, o peso, seguro que podería ser superado coas novas tecnoloxías. Lembro ver unha información dun magnífico material sólido moldeable para meter nas cámaras de aire das casas ou onde lle cumpra a un avión, e que é un illante magnífico, e que pesaba menos de 200 gramos o metro cúbico. Chámase “aerogel”; de momento, caro é de máis. Pero o problema non solucionable coa técnica sería que moitos non saberían ler, non entenderían, o significado da evocación besta dun hábito do pasado no disfrace. Se é que algo hai que entender nestas festas, que esa é outra cuestión.

E por que xa non se fala de casos deses? Que pasou? Deixou o Homo galaicus, de ser discutideiro? Non creo. Puxéronse de acordo todos, definitivamente, nos límites das fincas?

Inda menos. Será cousa da eficiencia do SIXPAC e do Catastro Virtual? Pouco lles inflúe. A realidade, por máis dura que nos poida parecer é tan simple como a vida mesma: xa non hai. Xa non queda xente que saiba onde están os marcos don montes; a maioría tanto lle ten porque non lle interesa a terra senón é un solar urbanizable. Os que teñen a nostalxia da terra, senten aínda a súa lentura, saben algo aínda das súas sazóns, len nas nubes o provir do tempo, e estarían interesados en seguir coa tradición centenaria da discusións polos lindes, xa van tan vellos que non dan levantado nin o sacho. E nin a voz. E pérdense no monte. Se teñen algo de sorte, viven aínda dous ou tres veciños máis na aldea; o resto marcharon para alá, onda os fillos, ou para máis alá, onda os antepasados. E os marcos? Aos rapaces xa nin lles soa que fosen outrora moeda de Alemaña. Non creo que nin o un por cento dos menores de 18 anos saiba de todas as fincas da familia. Se lles explicas que unhas pedras espetadas no chao, enterradas desde non se sabe cando, marcaban os límites das propiedades, moitos rapaces non entenderían á primeira. Así que para catro, tres, dous veciños vellotes que aínda quedan, se lle fai ilusión, mova os marcos onde lle pete, déase o gusto. Ninguén vai volver xamais a buscalo. Chamarán, se cadra, a un perito que veña cun taquímetro dixital con GPS e fará un replanteo de acordo cos datos xeoreferenciados que hai xa Castastro Virtual, e punto. E se non cadran coa realidade, non se preocupe: a realidade cada vez importa menos. Ademais, non estaba nada ben ese costume bárbaro e besta; foi moito mellor que desaparecera. En fin, disfrácense do que queiran e páseno ben. E o cocido que non falte. O do sacho, de momento, vai ser que non. Non hai aerogel a vender.

Te puede interesar