Opinión

Salvar o misionero Ryan

A película de “Salvar ao soldado Ryan” é mentira. Nunca houbo ese intento de rescate do último dos irmáns vivos dunha familia do medio oeste americano en Normandía durante a II Guerra Mundial. Libremente Robert Rodat, o guionista, reinterpretou varios casos de mortes múltiples de irmáns nas guerras nas que participou USA. Pero aínda que non fose verdade, podería ter sido. Porque o compromiso co sacrificio xeneroso dos demais debe superar as barreiras da lóxica cartesiana. Si. Habería que facer todo o posible porque o quinto dos irmáns non morrese naquel inferno e que aqueles pais esgazados pola dor tivesen un achego posible na súa vellez. Da mesma maneira creo que foi xusto e necesario propiciar a repatriación dos misioneiros españois infectados de ébola en África. Tanto levan dado, que me parece ben, aínda que fose, esforzarnos en traelos a morrer a España se tal foi o seu desexo. O que pasou é que a cousa saiu espantosamente mal. A ministra pensou mellor da sanidade de todos do que en realidade podía, pois é imposible que alguén asegure algo tan tallantemente –o perigo é cero- se non está todo na súa man. E nun tema que interveñen tantas persoas e elementos, pois o factor humano, fóra do control de calquera, ministra ou non, existe. Unha pena, un erro, un problemón.

Non me pareceu mal a posición razoada dos que pensaban que era mellor propiciar un tratamento in situ, en Liberia, pero si e moito a postura anticlerical de galería, que dicía que era un tema puramente privado. Non. Hai cousas distintas. Unha é esforzarse, desde a máxima humanidade solidaria, en tratar a unha persoa que lle dedica a vida a liberar do sufrimento aos pobres do mundo no mundo máis pobre, e outra distinta, por exemplo, esforzarse en que o risco dos deportes de risco non sexa asumido polo que o practica. Non podemos pretender que sexa igual de perigoso xogar á chave na Alameda ou ir polo paseo das Ninfas ata Outariz, que subir ao K2 pola cara oeste ou facer treking no Nepal . Se vostede quere facer as segundas cousas, por favor, velaí ten as compañías de seguros ansiosas por cobrarlle unhas primas que inclúan a repatriación do cadáver. E se un ten o gusto de se meter nunha cova na selva amazónica do Perú, outro tanto. Bromeaba eu goremente o outro día sobre as primeiras declaracións do exclaustrado espeleólogo ese da selva, nas que dicía: “De hecho me voy a volver a meter en cuanto me recupere”, e dicía eu que me parecía o momento de darlle un empuxonciño, tiralo ao burato de novo, e marchar de alí. Pero é comprensible que coa tensión que lle permitiu seguir con vida non gobernase mellor a lingua. Foron máis de cen persoas arriscándo o pelello e gastaron máis de 250 mil dólares no choio. E impórtame pouco quen os pagase. Mellor, moito mellor, como di súa nai, que non volva baixar.

En fin, calma. Que xa nos quixeron matar coa gripe aviar, coas vacas tolas... e a ver se deste ébola tamén libramos. Estou seguro de que se non muta o bicho malo, todo se controlará. Xa verán. Iso que como mute...

Te puede interesar