Opinión

Saudade dos vellos imperios

Nada é como era. Salvo a forma dos continentes e que as persoas teñen cabeza, tronco e extremidades. E tamén, si, esas cousas dos sentimentos que están xa nas obras de teatro grego, a amizade, a traizón, o amor, o odio á guerra -lembren a Lisístrata de Aristófanes-. Pero pouco máis. Ou si. Ou non. Non sei.

Sobre a historia, só estamos todos de acordo en que calquera tempo pasado foi anterior. A partir de aí, como xa pasou, lembranzas e interpretacións son libérrimas. E todos idealizamos, en positivo ou negativo. Natural.

En fin, ás veces, teño saudades dos vellos Imperios, dos da idade moderna, dos que construíron os palacios de Versalles, Schönbrunn, Topkapi, ou o de Inverno de San Petesburgo, para dicir un latino, un xermánico, un turco e un eslavo. E tal saudade naceume un día despois de ver a minusculancia da venus de Willendorf, e reparar nas localizacións das pezas, nuns mapiñas amarelados, nas vellas vitrinas de madeira do Museo Arqueolóxico de Viena. Si, o imperio austro-hungaro era inmenso. 53 millóns de habitantes, moito máis grande que España. Ocupaba Austria, Hungría, e algúns países dos Balcáns enteiros; e logo partes doutros, desde Italia a Ucraína, pasando por Polonia, Chequía, Eslovaquia... Ata once países de hoxe. 

E neses imperios, como o eixo eran as relacións entre os individuos, as diferenzas de linguas, culturas, relixións, eran tema moi secundario ante o principal que os unía, o Emperador, a idea de Imperio. Así, por exemplo no Otomano tamén había cristiáns armenios, siríacos, maronitas, latinos, gregos ortodoxos, turcos musulmáns, centroasiáticos, kurdos, serbios, romaneses, búlgaros, árabes, e ata serfarditas expulsados de España. No Español, os conquistadores estremeños, os mariños vascos, os diplomáticos galegos, os cregos casteláns, os comerciantes cataláns -e axiña os descendentes de todos de alén mar- impulsaban esa primeira globalización planetaria. 

En fin, que se che tocaba estar “nos de arriba”, a cousa ía ben, pois os de abaixo tíñano tan mal como os desesperados da valla de Ceuta ou das fabelas de Río ou da Cañada Real. 

E cando nacen os estados modernos impera, en cadanseu imaxinario, a idea nova dunha nación homoxenea de cidadáns iguais. E así, promoven, de boas ou malas, a integración: en Hungría, Checoslovaquia, tratan de borrar aos que falan alemán; en Bulgaria, aos que falan turco; en Turquía a armenios e kurdos; en Francia, aos bretóns, etc. E os das minorías, ven a salvación en crearen os seus propios pequenos estados. En fin, pasaron de ser as persoas iguais ante deus e o imperio, a que desde a ideoloxía do estado se cuestionen o dereito doutros cidadáns a seren distintos. Como cando un de París ou Madrid pensa, pobre, que son ibéricos 100%, de belota, de jabugo, fronte aos outros que seriamos de varias calidades... ata mortadela con aceitunas. E eses novos estados, en crises, tratan de expandirse saudosos do imperio. Tipo Hitler, cos Sudetes... Tipo Musolini con Dalmacia, Libia e Abisinia... E tipo España, á conquista de Marrocos. E todo acaba mal.

En fin, para afrouxar o mundo da Guerra Fría, os acordos de Helsinki, en 1975, recoñecían inviolabilidade de fronteiras e fixeron nacer a OSCE, Organización para a Seguridade e Cooperación Europea, como foro de diálogo. E acabou mal. Rompeu Iugoslavia, rompeu Chequia, rompeu a URSS. E agora, Putin volve ter saudades do imperio. 

A paixón polos palacios, a parafernalia hortera, os salóns, decorados, cortinas, mobles... parecen situalo como un zar despótico do século XVIII. Pero con bombas atómicas. Malo. Malísimo.

Te puede interesar