Opinión

A selección feminina de fútbol

Aque entenden o titular? Un artigo, a; un substantivo, selección; un adxectivo, feminina; unha preposición, de; e outro substantivo, fútbol. Todos xuntos forman unha frase moi entendible pero non unha oración porque nos falta o verbo que nos indique que acción vai facer esa selección, normalmente, xogar a fútbol. En fin, todos os compoñentes da frase anterior son de coñecemento universal dentro dos falantes das nosas linguas. Non hai problema ningún de comprensión. E se digo, “a selección masculina de fútbol”, apostaría a que tamén o entende canta persoa pouse os ollos nestas letras.

E vén a conto isto porque teño a idea de que as cousas non se están facendo ben a nivel comunicativo na televisión con isto dos e das que lles dan patadas as pelotas nesas agrupacións de elite. Explícome. Como saben, antes só xogaban ao fútbol os homes. De aí que cando se falase a secas da “selección” non había que especificar que era masculina, pois outra non había. Agora, por sorte, tamén as mulleres enredan co tema. De aí que parece evidente que cando se fale da selección deles se diga a “selección masculina de fútbol” e cando se fala delas, se diga “a selección feminina de fútbol”. O mesmo rexe, claro, para as agrupación masculina e feminina dos distintos equipos, Madrid, Barça, etc. en calquera deporte. Pois a inercia, forza fundamental da natureza da que ninguén está libre -por iso existen os cintos de seguridade nos coches-, lévannos a pensar na selección masculina de fútbol, sen que isto supoña un crime de leso machismo ou disparate semellante. E si, hai inercias que hai que eliminar, como costumes e usos obsoletos, pero non a custa de crear confusión na comprensión. E especificar “feminino” e “masculino” non é nada degradante para ninguén. E se alguén cre que só usar “selección” para a feminina reforza calquera cousa, ten razón, reforza a confusión e a vontade de centrarse na piollada en vez de no importante. Digamos selección masculina e selección feminina, que problema hai? Ou é que agora imos ter que entender que “a selección” é só a feminina e para a masculina hai que especificar o “apelido”? Por min, a verdade, non hai problema. Tanto me ten, porque non sigo ningunha das dúas, nin penso, nin falo do tema. Prefería, en serio, que logo de tanto escándalo, tivesen co fútbol o trato que hai co tabaco, ou con outras drogas, ou mellor que o prohibisen un par de anos, mentres se facía unha auditoría xeral a directivos, árbitros e xogadores das categorías superiores. Algo habían topar.

En fin, que esta necesidade ou non de especificar para os xéneros lembroume o sucedido chegou o galego ao mundo do ensino. Daquela houbo nalgúns profesores de Lingua Galega especialmente sensibles, un certo desacougo porque ao falar de “lingua” ou “lengua” sen máis, sempre se pensaba na materia de lingua castelá, pois era a que viña, con inercia, de atrás. Pero co bilingüísmo harmonicamente caótico no que vivimos, a cousa foise decantando de xeito natural. Así, entre nós, gañou o adxectivo, e fálase da materia de “Galego”, en vez de “Lingua Galega”. E na outra, gañou o substantivo e din “Lengua” e non “Castelán”. Inda que tamén hai, claro, quen simplemente sinala “lingua” á par da “lengua”. 

En fin, como as linguas son para entenderse coa máxima claridade, creo que, xa que agora que xogan a moitos deportes homes e mulleres, é bo especificarmos sempre se é masculino ou feminino. 

E así, ata que se integren os equipos masculinos e femininos de todos os deportes para facelos todos mixtos, fifty-fifty. E así, nesas posibles “seleccións mixtas” xa non habería necesidade de especificar xénero. Selección a secas volvería valer.

Te puede interesar