Opinión

A semana laboral de tres días

Non se me asusten. Non é para este ano, nin para o que vén. Pero debemos ter un ollo no chan para non tropezar e outro no horizonte para soñar. Vexamos. Non parece lóxica unha sociedade de dúas velocidades onde uns traballen duramente e outros vivan das paguiñas, sexan estas do tipo que sexan. Non poden cobrar máis os avós de pensión que os netos traballando. Non se pode crear unha fisura entre a xente dividíndoa groseiramente entre “vagos” ou “explotadores”. Fálase de repartir a riqueza e máis hai que valorar e repartir o traballo... E se cadra non tocaremos a máis de tres días. E dígoo porque a conquista case centenaria das oito horas diarias e un mes de vacacións está obsoleta. Pensen na diminución de traballo polo seu traslado á máquina ou ao consumidor. Por exemplo a banca. 

Lembro como sumaba o meu avó Antonio, o do Banco Hispano. Pasaba os ollos e a punta do lapiceiro -así lle chamaba- polas columnas da libreta da tenda e ía pondo, ao pé, sen erro, as cifras das sumas. A el as calculadoras parecíanlle unha traballeira inútil: había que premer as teclas para introducir cada número, darlle logo ao símbolo de sumar e logo á manivela, co que había moitas posibilidades de enganarse nun movemento e ter que repetir todo. Sumaba el máis rápido e seguro cos ollos. Tocoulle vivir aquela primeira “contracción” cando as máquinas comezaron a imprimir as “libretas de aforro”, pero librouse de ver esta modernidade de que o cliente, desde o móbil, manexe a conta, transferencias, recibos, multas, domiciliacións ou compre billetes de tren e avión ou roupa. 

E quen fala da banca, fala de moitos outro traballos. Desde abrir unha gabia a pico e pala ou cunha escavadora, ata subir os ladrillos dun palé a un décimo piso. Cómpre menos xente en moitos traballos. E de aí, a necesidade de repensar o sistema e as súas interrelacións. Non podemos competir á baixa cos prezos políticos, pensados para fundir Occidente, dunha China con traballo escravo nos campos de concentración uigures ou infrasalarios xeneralizados mentres se estende polo mundo e crea unha casta de multimillonarios do aparello comunista do Estado. E tampouco pode ser que os mozos non teñan esperanzas laborais para emprenderen voo fóra da familia e que os traballos a que poden acceder estean tan mal pagos. 

Hai que repartir o traballo e mellorar os ingresos vinculados. E é imprescindible repensar e cambiar o sistema, e a educación que ata aquí nos trouxo en canto contidos, inercias de aprendizaxe toda a vida, versatilidade persoal e satisfacción do propio. Cambio de paradigma, que se di. Pensemos nas vidas de “antes” cando a xente tanto se xuntaba para vendimar como para unha matanza, botar unha planchada, abrir un camiño, usaren un forno comunal e tiñan na casa máquina de coser. O auxe de Leroy Merlín, Paradelo, a ferraxería Americana e moitos titoriais de Youtube teñen que ver con esa actitude positiva ante a vida. “Proactiva”, pola nova. Digo, pois, tres días de traballo para a “empresa”, para “o soldo”, e o resto para repartir entre traballos básicos non especializados para un e os seus -sempre medio lecer, medio traballo- e ese lecer para o que tamén cumpría educar. Non se trata de evitar xornadas laborais para logo estumballarse no sofá vendo series. Trátase de vivir máis variado, diverso, creativo. Galicia, cunha poboación de pequenos propietarios de tradición versátil de acabalo entre a cidade e a aldea está en posición ideal para esta revolución natural. Empezar pola semana laboral de catro días non era mala cousa. 

Te puede interesar