Opinión

Sistema e antipiollos

A palabra antes grega e agora romance “systema” significaba “unión de cousas organizadas”. E de aí que sexa imprescindible usalo na planificación das cousas, desde a vida, aos estudos, a un partido de fútbol. Aplicando sistema e forza propia –esforzo- acadaranse os mellores resultados. E a capacidade de análise para facer esa combinación é a intelixencia. Se non hai sistema, o esforzo é estéril, vaise aos trompos, unhas veces acertado, outras non.

Creo que no mundo da política o sistema do que nos dotamos na transición e que deu lugar ao maior período de paz e prosperidade da historia de España, aínda que perfectible, é excelente. Sistema democrático oposto ao sistema totalitario. Sistema de liberdades fronte á carencia delas. Sistema de autonomías fronte a estado centralista. Multilingüísmo fronte á legalidade única da lingua maioritaria no Estado. Monarquía parlamentaria estable, evolucionada ao longo de varios séculos, fronte aos dous pequenos e caóticos parénteses republicanos. Eu non lles teño dúbida de que o sistema democrático noso é de tan boa calidade como o francés, inglés, sueco, alemán, holandés... sobre todo tendo en conta a distancia que hai entre sociedades: un ministro alemán copión é fulminado. O sueco denuncia ao veciño que engana na declaración da renda. En fin, debemos facer entre todos que o noso funcione mellor. Para iso, cómpre que defendamos a súa virtude, fronte aos que din querer “derrubalo”. E para iso, nada mellor que identificar, neutralizar e expulsar aos antisistema de verdade dos núcleos de poder. Si, os aproveitados que mangonean a política e as sensibilidades colectivas en propio beneficio. Os que tratan de confundir o discurso rexenerador e defenderse dicindo que atacalos a eles é atacar a un pobo, á xustiza, ao progreso, ao sindicalismo, á liberdade. Estes parásitos do poder político producen o máximo desprestixio da democracia pois a xente pode confundilos co corpo democrático, do que só son, en puridade, piollos ou carrachas. Se digo Julián Muñoz, Jordi Pujol, Carlos Fabra, Francisco Camps, UGT Andalucía, vostedes me entenden. E non lles falo de Galicia porque aquí están as xuízas e xuíces traballando, e en todas partes cocen fabas.

Si, creo que rexeneración ten que vir dos que cren e participan no noso sistema democrático e non da man dos que non cren nel. E PP e PSOE teñen responsabilidades inmensas. Ambos interiorizan o lema da Real Academia Española: “Limpia, fija y da esplendor”. O segundo deles, tamén non deixarse seducir polos cantos de serea da dirixencia dunha IU que abomina da mellor contribución que o Partido Comunista fixo á historia de España: a aceptación do sistema democrático representativo, coa súa forma de goberno e símbolos. E tampouco pode deixarse seducir polo discurso simplón, falabarato e televisivo, de mozos que por teren nado nos setenta (Iglesias Turrión naceu en 1978 e Ada Colau en 1974) tiveron a sorte de chegar á mesa posta da democracia sen ter que facer o mínimo esforzo, e tampouco teñen vivencias do “sistema” anterior alternativo á democracia: a nosa ditadura, paralela, iso si, ás outras ditaduras, máis lonxevas, do leste europeo.

En fin en España non lles hai castas, é na India. Aquí hai corruptos. En vez de cuestionarmos o edificio democrático, hai que desparasitalo. Simplemente.

Te puede interesar