Opinión

Son os votantes, estúpido

Cando en 1992 Bill Clinton lle dirixiu a Bush pai a despectiva frase de “It’s the economy, stupid”, estaba creando unha expresión que se popularizaría como reforzo do que consideraba esencial. Anos despois, nas eleccións de 2008, a revista TIME, na primeira páxina, retrucou a frase coa que lle dá título a este artigo, “It’s the voters, stupid”, e que levaba un longo subtítulo que, ambos, virían que nin pintados para as eleccións desoutro día aí atrás; dicía simplemente: “Esqueza os expertos. Esqueza as enquisas. Esqueza os anuncios da TV: como os americanos desafiaron os prognósticos, acabaron coas expectativas e fixeron a súa verdadeira escolla”. E así foi. Non todas as reaccións da xente se poden buscar nas cuestións de economía ou naqueloutras que consideremos máis lóxicas. O paro, por exemplo, pasou nos Estados Unidos do 10% en 2009 ao 4,5 na actual. E isto podería levar á consideración de que o electorado querería perseverar na súa exitosa política económica. E non foi así. Xa hai bastantes anos, en 2002, tamén acontecera algo parecido en Francia. Lion Jospin, socialista francés, despois de instaurar a xornada laboral de 35 horas -un gran cambio fronte ás corenta que viñan desde os anos corenta- non dera conseguido renovar á cabeza do executivo francés, perderan os socialistas, e viñera logo del, un goberno conservador.

Ou sexa, as razóns de polas que a xente vota por unha opción determinada son complexísimas. E unha das máis fortes, son os lazos de identificación que se establezan entre o “noso” e o “outro”. E así, se todos os outros (China, Europa, Medios de Comunicación, lobbys económicos, etc.) pulan por un candidato, pois nesta altura histórica na que estamos, hai a tendencia á levar a contra. Lembren que igual pasou en Rusia. Todo o mundo aplaudía a Mijail Gorvachov fronte a un Boris Yeltsin  alcumado de borracho, machista, etc. etc.  -algo había de todo eso-, pero cando lle deron a palabra aos rusos, escolleron ao segundo. Que tería sido mellor? Imposible sabelo, por suposto.

En fin, o primeiro discurso que lle escoitei a Trump despois da súa vitoria, foi normal. Logo do histrionismo da campaña -veremos o nivel en que era impostado e o que era certo- agora tocaba unir -non dixo “coser”, palabra de moda- á sociedade americana, e logo de felicitar aos derrotados, dicía que tocaba traballar xuntos. Nada novo. Só o lóxico dun político normal do sistema.

Obviamente a aposta conservadora do que hai hoxe, da actuación dos EEUU hoxe no mundo, era votar a Hilaria. O futuro prométese máis nacionalista e incerto. Iremos vendo. Pero é o que a xente quixo. E xa vimos que cantos máis consellos lle chegaban de fóra de votar a un -a unha- máis correu o electorado ao contrario.  Daquela toca felicitar e manter os ollos abertos.  E se cadra lembrar tamén a recreación da frase de Clinton  que fixeron nunha revista de humor inglesa: “It’s everthing, stupid”. Ou sexa “Éo todo, estúpido”. Efectivamente. Nin economía, nin votantes, todo está relacionado con todo. O mundo só é simple en que é redondo. O demais é complicado. Todo.

Te puede interesar