Opinión

O sorriso de Arin Mirkin e a traizón de Erdogan

Hai unha fermosa poesía de Paio Gómez Chariño, o almirante do mar que conquistou Sevilla en 1248, na que se ri do tópico provenzal de “morrer de amor”. Di que el quere moitísimo á súa moza, pero que non quere por ela de amor morrer, “ca nunca lle tan ben podo facer servizo morto, como se viver”. Efectivamente. O suicidio de amor a unha persoa, a un país, a unha causa, é, á parte dunha barbaridade, unha estupidez. Así mo parece cando vexo as imaxes do monxe budista queimándose contra o réxime de Vietnam do Sur en 1963; cando vin en Praga o monumento de homenaxe a Jan Palach, que se queimou alí en 1969 para protestar pola invasión rusa, ou cando leo que Joseba Elosegui se chimpou ardendo, en 1970 no frontón de Anoeta, berrando Gora Euskadi Askatuta fronte a un sorprendido público, Franco incluído. Revolveranse as conciencias pero a ferida cauteriza mal porque ese lume é de odio.

Pero hai suicidios que comprendemos por seren só mortes anticipadas para evitar algo peor. E non falo de enfermidades terminais. Pensemos nos que se chimparon o 11-S das torres xemelgas. Mellor pola túa vontade saltar e sentir por última vez o aire libre na cara, que morrer esturruxado por unhas chamas infernais. Dilemas do demo. 

Así, antesdonte unha guapísima comandante dunha unidade feminina kurda, de ollada suave, engaioladora e cautivador sorriso, Arín Mirkín, suicidouse. Participaba na defensa de Kobane, a cidade martir que estamos deixamos masacrar, como fixemos onte, en 1995, con Srebrenica. Arín suicidouse e eu compréndoa. 

As imaxes dos militantes do Estado Islámico decepando pescozos de compañeiras súas despois de telas torturado salvaxemente, non lle deixaron escolla. Acabáreselle a munición, estaba rodeada, íana capturar... E non quería que os seus dous fillos pequenos visen logo a súa cabeza seccionada xunto coa risa do seu asasino demoníaco. Mellor rebentar cunhas granadas ocultas, tirándose contra o inimigo. Moito mellor, querida Arín. 

A túa morte, Arín Mirkín, é a nosa vergoña. A nosa e, sobre todo, da OTAN e da Turquía de Erdogán. Sei que moitos turcos e moitos kurdos tiñan inmensas esperanzas no proceso de paz dos últimos anos. Esperanzas de paz e de progreso. O despegue económico de Turquía e a factibilidade dunha alianza co poder autónomo kurdo de Iraq –á busca dunha saída para o seu petróleo ata o Mediterráneo, e aliados ambos de USA- provocou a chegada importante de capital turco –kurdo e non- á súa milenaria capital Erbil. Puido ser, pero non foi. Erdogán temeroso de desestabilizacións internas, impermeabilizou a fronteira cunha equidistancia letal esperando que os asasinos do EI fagan o traballo sucio, que lle acabe cos kurdos de alí para que vexan os seus. E con eses xogos de alianzas cambiantes na zona, seguro que Erdogán puido chegar a quedar como o neosultán protector dos kurdos, e ser estimado por ese serio, cabal e milenario pobo das montañas. Pero non. 

Turquía ten un novo pecado mortal. Onte, por activa, os armenios. Hoxe, por pasiva, cos kurdos. Arín Mirkín, ogallá que a túa inmolación non sexa inútil e nos esperte desta estraña e fuxitiva burbulla na que nos queremos refuxiar.

Te puede interesar