Opinión

Sorte, tocaio

Ten razón a moderada -porque hai varias dependendo dos públicos- Ana Pontón cando lle desexa sorte a Alfonso Rueda porque “Os seus acertos redundarán en beneficio de Galicia”. Por suposto. Que acertaren os que gobernen nas súas decisións públicas é a mellor cousa que lle pode pasar a unha sociedade. Por iso, o desexo pontoniano de que acerte no seu mando o meu case tocaio (eu son Afonso e el Alfonso) pois é algo común a todas as persoas de boa vontade. Algún atravesado haberá aínda que pense que canto peor lle saian as cousas, mellor, pois máis posibilidades haberá no futuro de cambio. Pero tal e como anda o mundo de avolto e revolto sabemos todos que canto peor, peor; e canto mellor, mellor. Así pois, aínda que unha persoa teña a intención de substituír no futuro a outra que manda, é lóxico e natural que lle desexe, coa boca pequena pero tamén coa grande, os máximos éxitos. Nun debate dunha campaña electoral portuguesa, dicíalle co máximo respecto un moi de esquerdas a outro de dereitas que estaba no machiño algo como: “Não digo eu que vocês o façam mal e não ponham a melhor intenção, mas acho que nós poderiamolo fazer melhor as coisas e com mais conhecimento”. Ese é o ton que máis agradece a sociedade. Ou acabamos desacougados e histéricos, confundido opoñentes e rivais con inimigos. E de inimigos ao insulto e á despersonalización hai pouco. O radicalismo impostado que sopra desde o centro da península, ten difícil pasar o Padornelo e a Canda. E digo nesta orde, porque falo de alá para aquí. Porque o normal é falarmos desde nós e dicirmos a Canda e o Padronelo, pois a Canda é parroquia da Mezquita, e o Padronelo é aldea de Lubián, en Zamora. 

En fin, creo que non son o único que ten envexa de Portugal. Parece que no noso sur as cousas son máis tranquilas, máis naturais. A comezos de novembro pasado, o seu primeiro ministro, António Costa, declarou: “Fui hoje surpreendido com a informação oficialmente confirmada pela Procuradoria-Geral da República que já foi ou irá ser instaurado um processo-crime contra mim. Quero dizer olhos nos olhos aos portugueses que não me pesa na consciência a prática de qualquer ato ilícito ou censurável”. E seguiu con naturalidade: “Obviamente, apresentei a minha demissão ao senhor presidente da República”, pois “o cargo de primeiro-ministro não é compatível com a suspeita da prática de qualquer ato criminoso”. E xa está. Eleccións, recambio, respecto e coutar o paso aos extremismos. E mirar cara adiante.

Sen ser Galicia Portugal, si ten un “tempo” distinto ao da política española. Non só polos resultados electorais, senón pola inexistencia de extremas que renxan no noso Parlamento e polas declaracións tranquilas e rivalizando xa entre PSOE e BNG por facérense ante os ollos da opinión pública como alternativas sistémicas, naturais e sen estridencias. Os gobernos na sombra -mellor no espello, pois do que se trata é de dar visibilidade á alternativa- nin son novidade nin deixan de estar ben porque marcan unha pulsión de traballo organizado na oposición que pode axudar á precisa tensión de goberno, a que ninguén se durma nos loureiros. 

En calquera caso, parece que sopran bos ventos para acometer proxectos, pois xa se viu que o relato dominante nas redes -e en certa medida nos medios- de catastrofismos continuos, non vende para a opinión público-privada electoral. A hiperactuación da esquerda no tema dos pellets ciscados no Atlántico, creo, reforzou a maioría da dereita. Así, non me estrañaría que o tema de Altri e dos parques eólicos fosen adiante. En fin. Que sexa todo para ben. E cantos máis acordos, mellor. Incluso, claro, para os que queren ser relevo. Creo. 

Te puede interesar