Opinión

Stylo, Archanda, El dieciocho... uns veñen e outros van

Pechou hai uns meses Stylo. Malos tempos para a lírica, para a épica, para a dramaturxia. Malos tempos para a novelística e para o ensaio. Malos tempos para a palabra, para a letra. Pechan as librarías. Moitas. Non se len periódicos. A cultura da letra bátese case en retirada ante a cultura da imaxe en pantalla pequena –móbil-, mediana –tablet, e-book, caixeiro automático-, grande –ordenador-, supergrande –televisor-, inmensa –a do cine-. En fin, non é que se lea máis en e-book, é que non se le nada que non veña dun boooom televisivo. Digamos “Harry Poter” ou “50 sombras de Grey”. As afeccións globalízanse no mundo mundial occidental e a tiranía da maioría, dos gustos inerciais das maiorías, da imaxe, do espectáculo, son o oposto á democracia cultural e deixan a vella cultura como cousa rara de minorías e sen ser referente de nada. Hoxe, os que len son cousa rara. Hai xa cinco ou seis anos pregunteille a unha marabillosa videocreadora ourensá de vangarda que traballa por todo o mundo, ex-alumna, que que lía, e díxome: “Nada que non estea en linguaxe html”, o que traducido para os menos tecnolóxicos, nada que non saia polas pantallas dun ordenador. Souben que cambiara o mundo.

Pois si. Pechou Stylo -como non hai moito pechara a libreria de La Región, etc.- e poucos choramos lembrando o pasillo estreito, as escaleiras de caracol, a caixa da saída, a amabilidade permanente do persoal. Certo que hai outras librerías que abren, con modelos de negocio máis plurais, pero todos andan preocupados, pois baixan persiana cen veces máis das que a soben. Pero sempre nos quedará esa minoría que é consustancial á maioría.

E pechan tamén o Archanda, onde compraba eu bocatas de chourizo a cinco pesetas, eternamente anunciados na súa pizarra negra onda a porta, e punto de encontro fácil das mañás de domingo. Con el acábanse as tascas céntricas, que certamente, nunca houbo moitas.

Pero unhas negacións do ocio, uns negocios, desaparecen e outros nacen. A vida segue igual que diría o fillo do médico aquel dos Peares, parente dos de Radio Puga, que se meteu a cantante e que lle foi ben. Si. Estamos en tempo de aperturas de negocios e reformas. Recupéranse a pulsión en case todas as rúas, e algunhas como Lamas Carbajal, Paz, Samuel Eiján, padecen auténticas febres de aperturas, con máis ou menos acerto. A entrañable, elegante, señorita, fidalga, repousada, tradicional “La Mariposa” deixa paso, por exemplo, a unha franquicia pizzeira de comida globalizada, xuvenil, nova, perralleira, veloz. Enfronte, no baixo do Liceo, abre unha tenda de chuches... Na Praza Maior a xeladería ten tan delicioso chocolate con churros como necesidade da actuación feroz dunha policía de gusto que impedise eses colorinchos, paneis,.... tan lonxe do que debe ser a estética dunha Praza Maior que se prece de moitas veces centenaria. Tamén podía dar unha volta, esa policía, polo Real, cuxa reforma é considerada, polo menos polas persoas coas que comentei o tema, como unha troupelía estética. Coa perda do libro, se cadra estamos perdendo o gusto.

Claro que nacen moitos negocios digamos “El Dieciocho” ou a xeladería “Fragola Panna” para lembrarnos que o mundo xira e xira. E todos, senón contentos, si máis vellos cada vez. Isto é seguro.

Te puede interesar