Opinión

Taprabana, Ceilán, Sri Lanka

Seguramente o primeiro europeo que chegou a Sri Lanka -que el chamou Ceilán- foi Marco Polo, alá por 1295, e deixou dito nas suas cronicas, que alí se veneraba un dente de Buda ó que ía a xente en peregrinación “siccome vano i cristiani  a San Iacopo in Gallizia”. Pero o segundo debeu ser de Ourense, Johan de Novoa, en 1501. Non é seguro pero moi probable, aínda que o desembarco colonizador da illa polos portugueses, para os que traballaba, foi en 1505. De todas maneiras, este macedao metido a mariño na expansión de Portugal polo atlántico sur e do Índico, andaba polo sur da India nese ano de 1501 e desde aí fixo negocios abertos e exploracións reservadas.  

O caso é que a illa chamada desde o mundo grego -sobre todo deste Ptolomeo, pero xa antes- como Taprabana, foi colonizada no xeito habitual para o pobo lusitano: factorías comerciais na costa -na oeste, na que mira á India, onde está Colombo, a capital, pero tamén na Leste, ao redor da cidade de Baticaloa- e redes de alianzas e intereses cos poderosos locais, pois coa pouquidade demográfica de Portugal era impensable controlar inmensos territorios. Outro dos eixos desa colonización era promover a salvación de almas. De aí que introducisen o catolicismo na Illa e que o practique hoxe un 7% dos seus 20 millóns de habitantes. Algo de base de cristiáns nestorianos provenientes de Persia seica había, pero o impulso á cristianización veu de Portugal. Logo, a illa foi pasando a mans holandesas, ao longo dos mil seiscentos e a partir de comezos do XIX aos ingleses ata a súa independencia en 1948.  As variantes cristiás dos holandeses ou dos ingleses non prenderon e hoxe menos do 1 por cento da illa as practica.  

Sry Lanka -só se chama así desde 1972- non é grande -o dobre de Galicia- pero viven xentes moi diversas. Todos lembramos aos famosos “Tigres tamiles”, unha guerrila que impulsou os kamikaces modernos -máis de 190 suicidas actuaron nos anos 80- e que dicían defender á minoría tamil do norte da illa -hinduista e proveniente da India, a 32 kilómetros-  fronte á maioría cingalesa -budista. Tamén hai unha minoría musulmá -onde medra o radicalismo wahabi-, outra africana -traída de África por ingleses- e outra de descendentes de europeos, sobre todo mestura de portugueses e indíxenas, aínda que tamén de algún holandés, os chamados “burghers”.  A lingua crioula de base portuguesa foi devecendo desde o seculo XVII e seica está xa extinta. Seguramente moitos dos mortos dos entolecidos atentados nas igrexas do outro día serían deste grupo étnico-relixioso e levarían apelidos que soan ás orixes galaicoportuguesas, como o demitido ministro Fernando, ou como o xeneral Fonseka que derroutou aos Tigres tamiles en 2009, ou os Da Silva, de Zilwa, Perera, Foernander, Lourensz, Martinus, Peiris, Philipsz ou holandeses, como Van Cuylemburg, etc. 

E todo o noso cariño para as familias da parelliña de galegos mortos, e para os cristiáns perseguidos e masacrados polo mundo adiante só por séreno. Máis de 4.000 en 2018, máis de 3.000 en 2017. O silencio non pode ser cómplice da barbarie. 

Te puede interesar