Opinión

Teoría do regalo do xamón

As casas están cheas de trapalladas. Os “poñas”. Esas cousas das que dicimos sempre: “Non sei onde o poña”. Figuriñas de Sargadelos ou de Galos. Marquiños de fotos. Cacharriños de flores secas. Parruliños de cerámica. Cuncas de agasallo. Rosas do deserto. Obxectos varios que acaban polo medio. Regalos non desexados ante os que puxemos cariña de circunstancias como se nos encantase, e que non nos atrevemos a tirar, cousas da boa educación, ou trangalladiñas as que adquirimos nun momento de debilidade consumista. En fin, que a cultura dos regalos entre nós ten unha dimensión normal, nada dos excesos do kula polinesio que tivemos que estudar que estudara Malinowski e que arruinaban aos que entraban no círculo porque sempre se tiñan que superar. Pero tampouco temos a fama de agarrados e tacaños que teñen, por exemplo, os escoceses. Os galegos somos xente que regala “normal”. E algúns deses regalos producen afectos arrastrados por décadas. Lembro, próximo a min, unha farmacéutica que librou un piso ao saber que a filla da propietaria ía casar, e só se oíron da súa boca facilidades. A propietaria, agradecida, envioulle todos os días do seu santo unha tarta... e creo que deberon de ser máis de trinta ou corenta ao longos dos anos. E sempre había unha agradable comunicación telefónica.

Pois si. Eu creo que cando teñamos que facer un regalo debemos decidirnos claramente por algo de comer. Regaliño afectivo pequeno, unha bica de Trives, Sas de Penelas, Laza ou O Castro. Regalo algo máis formal, unha tarta de confeitaría. Pero regalo-regalo, un xamón. E aí podemos, tamén, establecer unha xerarquía, sen saírmos da Coren, que para algo é de Ourense e de xamóns entende coma poucos. Digamos que regalo bo simple, xamón de bodega. Regalo bo bo, un xamón de castañas. Regalo disque algo mellor aínda, de sete estralos, un xamón Ibérico. Pero calquera dos tres deixa quedar ben a un.

E si, sonlles partidario de regalar xamóns. Sen ir máis alá, no último ano regalei dous. Nada de subornos ou cousas parecidas, puro agradecemento amical. Dúas ocasións nas que a cortesía e bonhomía allea foi máis alá dos límites normais comigo, e a min, enxebre, compraceume correspondela así. Porque señores, o xamón é o comezo dunha festa que se prolonga días e días. A maldita figuriña de Sargadelos, no mellor dos casos, non molesta por riba da estantería. Pero o xamón é o inicio dunhas merendas ou ceas, acompañado do viño, con amigos ou en privado. Adorna a casa, e se cadra aínda contribúe á boa fama do regalador e a unha certa cobiza do alleo que o mira ou saborea. Carai, xa mo podían ter regalado a min. Ningún pensamento parecido provoca un marco de prata ou unhas copas de cristal para encher os baixos dunha estantería.

En fin, que se pode levar incluso a despezar e envasar ao vacío, lonchado saen vinte ou trinta “sobres” para esparexer entre a descendencia ou ascendencia e para prolongar así a ledicia xamonil polo espazo e polo tempo. E como remate do ciclo da vida, as croquetas, os ósos do caldo, etc. etc. O eco do xamón dura ese tempo e despois desaparece, non deixa rastro, acabouse. Metafora da vida, é un ben funxible que deixa memoria, pero non incordia polo medio eternamente.

Dígaselo con flores, dicía unha propaganda hai anos. Por suposto. Pero hai outras moitas cousas, menos románticas, pero tamén de afectos, claro, que é ben mellor dicilas cun xamón, non cren?

Te puede interesar