Opinión

O túnel da Cañiza, outra vez

Unha vez que fora levar a filla ao aeroporto de Porto en vez de volver pola fronteira de Tui (que eu son dos que vai pola costa, ata case Caminha para aforrar a portagem) viñen por Amarante para saír por Chaves a Verín. Non lles é tanta reviravolta -dez ou quince minutiños máis- e ven unha paisaxe distinta e comproban como o interior pode desenvolverse ben, pois ata Amarante ou mesmo Vilarreal hai moita vida. E viñen por esa vía preto do Douro e non por Guimarães -desde onde se conecta tamén con Chaves por autoestrada- só porque devecía por pasar polo túnel do Marão, aberto en 2016, que é o máis longo da Península, con 5.665 metros. Ou sexa case o dobre do da Cañiza que ten “só” 2.550 metros. E esta pracenteira viaxe -lembro ter parado no Palace Hotel de Vidago, dar un paseo polo xardín e tomar un cafezinho na terraza- foi ben ilustrativa: puiden comparar os dous túneles e reafirmarme nas miñas sospeitas de que galego foi obxecto da teoría económica do MGP. Explícome. O do Marão tiña recubrimento interior que parecía de cemento proxectado claro cunha fileira de luces brancas no medio da bóveda e unhas luces laterais azuis cada cen metros con tres pequenos reflectantes brancos cada vinte e cinco metros entre elas. (Se o buscan en Youtube, poden ver a sobriedade do paso en tempo real). O gasto e complicación no remate do túnel debe ser a décima parte do da Cañiza. Porque o asunto é que unha obra pública, de grandes dimensións e investimento, pode ser vista baixo distintos puntos de vista. A definición que o cidadán simple asume de túnel é confluente coa do dicionario: “Paso subterráneo aberto para facer unha vía de comunicación”. Pero para a megaempresa construtora ou alianza de empresas, esta é só a segunda acepción, pois a primeira está máis ligada a “nicho de negocio case ilimitado”. Así pensamos, no túnel da Cañiza aplicouse, como dicía, a teoría económica MGP ou sexa, do Máximo Gasto Posible. E o resultado xa o vemos. A máis complicación -planchas alumnio, cableados supérfluos, etc.- máis posibilidades de verse afectados polo único accidente que pode pasar dentro dun túnel: que arda un vehículo. Non se debe preparar para a caída dun meteorito, nin para o impacto dun avión, nin para a chea dun río, nin para a aparición dun dragón... o único imprevisto que hai que prever é o que aconteceu, o incendio dun vehículo. A falla de previsión non é casual. Inconvenientes do MGP, sempre, claro, a custa do erario público, porque o privado, pola conta que lle ten, foxe del como do DDI, Disparate do Dispendio Ilimitado. 

Ben. Ardeu. Xa está, Marica non chores. Que facer agora? Permítanme un simple cálculo: Os 2.550 metros do túnel da Cañiza a 60 kilómetros hora dan un total de 2 minutos 33 segundos. Nese tempo, pois, crúzase o túnel de vagariño. Supoño que unha dobre dirección -como xa vin nalgunha ocasión no de Toén- con esa ralentización, aforra máis do 90 por cento do tempo da reviravolta e compensa, creo, os gastos e perigos todos da subida a Fontefría, animais soltos incluídos. Obviamente non son técnico, pero si condutor e podo pensar. E supoño que todos preferiríamos vir de vagariño eses 2 minutos e medio antes que gastar nervios, tempo, cartos e seguridade na ascensión. Sinalen unha división provisional, barata e reversible no medio, poñan un aparello para multar automaticamente a quen pase de 60 e todos felices e colaboradores. E non me invoquen normativas europea como a que encheu o túnel con luces e planchas de discoteca, quen non mas creo. Simplemente.

Te puede interesar