Opinión

Vacacións en Boloña

Non é que lles aconselle ir na Semana Santa a Boloña, cidade italiana de soportais e universidades. Entre eles un histórico centro español, de dereito e outras letras. Antes, aconsellaríalles ir a outros vinte sitios entre Taormina, en Sicilia, e Desenzano di Garda, nas estribacións dos Alpes. Nada máis lonxe que querelos levar a Boloña.

Hai un tres ou catro anos, cando se andaba coa última –que non derradeira- reforma do sistema universtario, e que deveu no “plan Boloña”, os alumnos menos informados de entre os máis movidos dicían que prostestaban polo de Polonia, porque máis lle soaban os eslavos católicos de Varsovia, que os italos da capital da Emilia-Romagna. Pois eu vóumelles queixar –xa que protestar é inútil- polo tema das vacacións e o plan Boloña. E xa temos perspectiva; despois dun par de anos de funcionamento ben se ve que lle cumpría un repasiño ao tema.

Os cursos agora están dividido en dúas partes –chámanlle cuadrimestres-, con materias distintas e exames ao final, como dous cursos nun. Máis ou menos. O primeiro é de setembro a decembro –os exames a principios de xaneiro. O segundo é de mediados de xaneiro a finais de maio, con exames en xuño. E en vez de exames de recuperación en setembro, teñen todos, os correspondentes ao primeiro e ao segundo cuadrimestre, nos primeiros días de xullo. Logo, nada. Non lles hai exames de setembro.

Esta secuenciación produce implicacións importantísimas na planificación dos estudos a nivel persoal. En moitísimos casos, especialmete nas carreiras máis difíciles, os prexuízos son evidentes respecto dos que había no vello sistema, no que estudamos nós.

Antes tiñamos normalmente tres exames trimestrais e un final ao que iamos coas partes das materias suspensas. Logo, setembro, outra volta, para limpar cursos e empezar en outubro sen mácula.

Agora neses dous cuadrimestres, os exames “trimestrais” e “finais” son o mesmo, polo que só lles hai unha posibilidade en vez de dúas, antes dos exames extraordinarios. E un dos períodos de vacacións de dentro do curso –Nadal- coincide sempre xusto antes dos exames. O outro, a Semana Santa, ás veces, como este ano, pareceido. Así pois, os bos alumnos pasan as festas pechados preparando exames. Vaian dar un volta no Nadal pola Biblioteca da Universidade, se non mo cren. Carreiras hai para pillar sitio.

En segundo lugar, o feito de que os exames de recuperación do curso se fagan xusto ao rematar os exames do segundo cuadrimestre, fai que non haxa tempo para preparar materias (ata 10) en poucos días e o que é peor, non hai posibilidade de planificar e, por exemplo, “deixar dúas para setembro”, a través do sobreesforzo de dedicarlles productivamente xullo e agosto, porque non existe tal convocatoria. Isto, en carreiras difíciles, tipo enexeñerías, arquitectura, etc. sempre foi habitual. Agora, imposible.

De aí, tamén, o encarecemento das carreiras, porque os prezos das matrículas van medrando en función da convocatoria.

E outra perversión é pola igualdade de trato. Antes, os bos estudantes estaban felices de acabar todo en xuño, porque tiñan o verán libre. Agora, desaparecido setembro, pois os malos alumnos tamén teñen o verán libre. Todos igual. Igualación por abaixo. Que é o que se estila. Non me gusta.

Te puede interesar