Opinión

Vaqueiros rotos

Non crean que lles vou falar hoxe dos infames prezos do leite que os gandeiros galegos sofren e que é un tema malo de arranxar nun mercado único e globalizado que, por outra parte, tamén ten moitas vantaxes. Tampouco lles falarei de John Wayne, ese tipo ao que lle deu por fumar seis paquetes diarios ata que rebentou e que quixo pór na súa tumba -a familia non lle fixo caso, menos mal- “Feo, fuerte y formal”, nin de ningún outro desas películas que arestora inecesariamente chaman “westerns”. Nada máis lonxe. Voulles falar, simplemente, da evolución dos pantalóns vaqueiros, ou “jeans” de usarmos unha innecesaria “panpalabra”, e agora son eu o que inventa neoloxismo, ou sexa vocábulos iguais para todos, como signo de modernidade.

Empecemos polo principio. Jacob David -o da idea- e Levi Strauss -o dos cartos- patentaron alá por 1873 uns pantalóns duros, feitos, seica, cun tecido que viña de Nimes, Francia, e que por iso se chamaba “denim” -de onde disque deriva “jeans”, aínda que soe raro-. O caso é que estes pantalóns de traballo con remaches metálicos nos puntos de maior tensión, foron popularizándose pouco a pouco, sobre todo despois da II Guerra Mundial, e saltaron do traballo á xuventude. Pero foi en 1955 James Dean quen ocupou coa súa estética as mentes rebeldes, normalmente sen causa, dos adolescentes occidentais e desde aquela, os seus pantalóns convertéronse en uniforme xuvenil occidental, euroamericano principalmente. Incluso na URSS deron en ser símbolo de oposición ao sistema. (Hai hoxe uns vaqueiros 'made in USA' que se chaman Rokotov & Fainberg en honor a uns contrabandistas deses pantalóns executados na URSS en 1961.) O caso é que os vaqueiros foron entrando nalgúns países e noutros despois. Nós chegamos algo tarde, nos sesenta. Máis ou menos cando se levaban os pantalóns pata de elefante que agora nos asustan nas vellas fotos.

Foron, seguramente, unha das primeiras globalizacións xuvenís. Levaren os mozos uns Levi’s ou uns Lee de Estados Unidos era máis “moderno” ca uns Lois feitos en Valencia. E iso que os duros pantalóns españois eran a punta de lanza da empresa téxtil ibérica máis estendida polo mundo e tiña como anagrama un touro salvaxe, cousa que se aviña moito mellor coa esencia vaqueira que os dous cabalos turrando dun pantalón a ver se rachaba polas costuras ou esgazaba a tela, que era o anagrama da etiqueta dos Levi Strauss.

Seica a moda de avellar os pantalóns -con manchas de lixivia, erosións de area, etc.- veu do intento de facer pasar por auténticos os vaqueiros falsos feitos na URSS, que non se daban gastado. Despois de caer o muro globalizouse a estética avellada. Pero é a cousa máis contaminante que se coñece -moitos casos de silicose en Turquia asociáronse a estes chorros de area contra as telas- e parece unha moda rara e antiecolóxica. Xa me dirán se a cousa de eleboraren pantalóns novos, facérenos vellos antes de estrear, pode ser superada. Pois si. Esgazándoos á altura dos xeonllos, facéndolles unha entrada de aire tal que case rompen pola metade e cae a perneira ao chan, e por onde se ve a pel ou tatuaxes do individuo/a. Moda unisex. Pero elas máis, coma sempre. E todo isto de facer e romper, para que? Para nada. Pura moda. Pura tendencia. É cool. E non será só unha parvada pasaxeira? Se cadra. Non sei pensar como os que os levan. Pero é a súa liberdade, claro.

Te puede interesar