Opinión

VERGOÑA E TRANSVERSALIDADE PRECISA


Hai mulleres ás que lles pegan e xa nin denuncian, están resignadas. E nós, como sociedade, hai tempo de que tratamos de que non se resignen. Sabemos que non é fácil acabar co maltrato; tamén, pola falla de reacción de moitas maltratadas. E o esforzo céntrase, en convencelas de que o túnel dos horrores ten saída. E que a xustiza, a razón, a humanidade e cada un de nós estamos da súa parte. Pero elas teñen que dar un paso e dicir Basta! 

Unha persoa, pero tamén unha comunidade, pode ser maltratada polos seus políticos. E para iso están as eleccións. Para escoller de novo e reverter as situacións. Pero ás veces, aínda se complican máis as cousas, porque as razóns do voto son diversas e a liberdade de elección non garante o acerto, nin individual, nin colectivo. E si, creo que no Concello de Ourense de arestora estamos maltratados por uns políticos que non están á altura. E como as mulleres que sinalaba ao principio, xa estamos xa tan afeitos ás boutades, aos insultos, ás vergoñas públicas, aos ridículos, que caemos na pasividade. A carencia de masa crítica e que a maioría dos mozos busquen saída fóra, agudiza unha situación que é tan complicada coma simple. Simple, porque a persoa que está ao mando da cidade coa súa carencia de nivel e a súa actuación histriónica nos enche, á maioría dos cidadáns, de desacougo e vergoña. 

Complicado, porque a madeixa de intereses políticos que hai ao redor, leva impedido a solución. Non todos teñen igual nivel de responsabilidade, por suposto. Os do PP que o manteñen son os máximos responsables, sen dúbida. A súa aposta por integrar con el un goberno do que eles serían “a parte razonable” veremos se lles trae réditos positivos nas próximas eleccións. Non o creo. E tamén desacouga a moitos cidadáns que non desen topado entre os responsables de todos os grupos un punto de encontro común, un mínimo común divisor, para iniciaren unha fase, primeiro de cordura, logo distensión e logo de colaboración nos grandes temas. 

Ás veces, os plenos do Concello parecen o camarote dos irmáns Marx. E dada a distancia da maioría das persoas da política, ese caos chega a divertir. En vez de voces de indignación, escóitanse risas na rúa. “Viches o que lle dixo o Jácome a un? Ha ha ha... ‘Haz tu de profesor. Que no vales ni pa eso’. E o outro vai e dille ‘¿Y tu pa que vales?’ Ha ha ha”. Nivelazo. O caso é que parece que os actores están todos moi encasillados nos seus papeis e para representaren outra obra na que primen outros valores desexables como a concordia, colaboración, estabilidade, apertura ao acordo, preparación técnica e sensibilidade humana, saber estar... téñeno complicado. Se só cambiamos os papeis dos actores na obra, corremos o risco de que a representación teña os mesmos defectos. 

Témome que de non haber revulsivos importantes, imos seguir nas seguintes eleccións, máis ou menos igual. E xa leva a cidade tempo perdendo gas, a punto de baixar dos cen mil habitantes e de deixar de ser a terceira cidade de Galicia. E co temor de que o AVE nos zugue en vez de nutrirnos. Cómpre que mande no Concello un auténtico GOBERNO, un Grupo Organizado  en Beneficio da Estabilidade e Reforma do Noso Ourense, que respire aire limpo e sentido común. Non falo de candidaturiñas -e con cariño falo das boas intencións de Bermello, Etelvino, etc.- senón de grandes acordos cidadáns. É posible? Non o creo. E como advertiu Celso Emilio: “Nunca virá de fóra remedio ou esperanza”, deben os grandes partidos esforzarse en buscar xa nas súas filas xentes formadas, respectables, educadas e proclives ao pacto, lonxe desta opera bufa. Porque isto, meus señores, élles unha vergoña. 

Te puede interesar