Opinión

Viaxe á dor

Montar un partido con nome de dicionario non está ben. A moda dos nomes raros para as agrupacións políticas veu de Italia.

Cando o vello PCI descubriu que o que había no Leste era un engano, eliminou o fermoso e romántico nome de “comunista” e empezou con ensaios: que se Partido Democrático, que se Olivo, que se tal que se cal. Pola outra banda –e nunca mellor dito- empezaron as ocorrencias de Berlusconi. Que se Forza Italia, que se Polo, etc. E así é difícil aclararse. Se cadra cómpre un dicionario de siglas. Pero non Vox, desde logo. Nin Larousse. Nin Collins. Nin María Moliner. Nin Xerais.

Sempre pensei que as posicións ideoloxicas non outorgan ciencia infusa. Un non sabe máis castelán por ser partidario dunha España sen autonomías ou non sabe máis galego por querer unha Galicia independente. Non. O coñecemento entra no cerebro por vías distintas ás da ideoloxía. E tamén da dor, do odio e do amor. Por ter sufrido un erro médico, non se sabe máis de medicina, nin de como se debe organizar a sanidade. Por ter sufrido un accidente de coche non se sabe máis de condución nin é máis válida a opinión sobre o Código de Circulación. Por tocar a lotería, non sabe un máis de números nin, evidencias cantan, de xestión de diñeiros.

A distancia é, case sempre, necesaria. Por iso os xuíces non deben xulgar casos da súa familia, nin os alcaldes ser constructores. Por iso tratamos sempre de vincular ecuanimidade cun certo afastamento persoal dos temas a xulgar. Para non ter intereses cruzados. Para non convivir con influencias. Para non ter acumuladas dores, amizades, desacougos, risas, paixóns que nos fagan perder as obxectividades.

Por iso, basearse na dor, en remoer a dor, non é nada útil. Nin persoal, nin socialmente. Un persoa que sufrise maltrato, por exemplo, debe procurar xustiza, superalo, e refacer a vida o máis lonxe posible daquela lembranza. Se facemos xirar unha vida a redor da dor, o eixo da nosa vida espetarase na terra cada vez máis, e impediranos abandonar a órbita da dor. E confundiríamos vida con dor.

E nunca me gustaron aqueles vellos enterros rurais nos que a xente berraba e facía que se tiraba polas ventás e acababa desmaiada pola dor. Unha espiral tóxica. E as espirais só son boas cando xiran cara a fóra, e desenrolan vida. Como os gromos dos fentos cando se estiran. Pero cando unha espiral se debuxa en sentido contrario, de fóra cara adentro, é só un remuíño de morte que nos acaba absorbendo ata o fondo dun burato negro.

Non. Non está ben basear un partido, unha ideoloxía, na dor. Con Ortega Lara somos solidarios na súa angustia pasada. Pero ter padecido el o secuestro máis cruel e inhumano de ETA non lle outorga ningún plus de coñecemento á súa voz para influír ou aconsellar nos tramos finais do desmantelamento do terrorismo.

Esas cicatrices que deixan marcas tan fondas no corpo como na alma, non son signo de sabedoría ou corrección dunha idea hoxe, senón só dun terrible sufimento onte.

Te puede interesar