Opinión

Viaxes de ira e volta

As viaxes de ira son máis fáciles que as de volta. Nas viaxes de ira todo é ilusión; no dobre sentido de esperanza optimista pero tamén no de engano dos sentidos. Nas viaxes de ira todo é ansia por gozar do soñado, máis alá de todos os horizontes, mentres pletóricos dunha excitación sen límites, cuestiónase todo o coñecido. Nas viaxes de ira, combátese sempre avante, sen mirar atrás. Así, nas viaxes de volta... non se recoñece o camiño percorrido, queimado, inzado de pesadume e desacougo.

Pensemos, por exemplo, no caso da ETA que tanta dor esparexeu naquelas terras entre os servidores públicos do Estado como entre os cidadáns locais. A ira, inducida sempre, fixo escorregar fóra do sentido común a unha mocidade que soñou con ter estatuas de heroes no paraíso soñado, e logo houbo de convivir con escuridade, sangue, lama e morte. Emprenderon a viaxe de ira con decisión, pero a retirada na derrota nunca será fácil. Os estados son implacables e non dan perdoado aos indutores dos crimes, porque o peso da dor é inmenso. O cárcere de Otegi, desde hai seis anos, –a quen os máis memoriosos lembramos polo pisiño que tiña preparado en Valladolid para Franqueira en xuño de 1980-, era visto como algo imposible polos seus amigos, e realmente, a ninguén lle importa un pito.

E a min tampouco me importaría que o soltasen xa. Cómpre pasar páxina aínda que nos cortemos a polpa dos dedos coas duras follas do libro da historia. 
Por iso, témolle non xa a esta viaxe de ira na que está seducida unha parte da fendida sociedade catalana, senón á viaxe de volta que será triste, dolorosa e que esgazará corazóns e amizades. A cuestión de Cataluña é rara e moi complexa. A mestura de sentimentos, as invocacións ás débedas e inxustizas históricas, a recreación do pasado, a confusión entre líderes ladróns e pobo, crea graves confusións colectivas.

Un pode entender que moitos cataláns teñan a percepción de que pagan de máis ao Estado mentres outras comunidades se instalaron permanentemente no subsidio. Tamén pode un entender que un grupo escuro trate de encirrar eses sentimentos para ocultar o acoso policial ao seus delitos de rapañota milmillonaria. Cren que como mamíferos territoriais, miraremos as cores dos mapas e pensaremos en almas de cores para crer só aos da nosa. Claro que nos territorios mediterráneos do Reino de Aragón –que non de Cataluña- sempre houbo moitas sombras grises que proxectaron sombras negras. En Sicilia, Mafia; en Nápoles, Camorra; en Calabria, N’Dragheta; en Sardinia, Anónima Sarda. No Mediterráneo hai tradición.


Cando foi do Plan Ibarretxe moitos pensaron que pasaría algo terrible. Agora, moitos cren outro tanto. Eu, de verdade, penso que o final será semellante. Pero cunha viaxe de volta máis complicada e dolorosa porque non hai pecados de sangue que expiar. Só ira que aplacar. E cómprelles cintura. Ou Converxencia amortiza rapidamente a Mas, ou Mas acaba de acabar con esa Converxencia que pasou, non o esquezamos, de 62 deputados soa e tranquila a 29 con ira, dentro de Junts pel Sí, en cinco anos. 
En fin, que a próxima viaxe de volta sexa o máis calma posible, é o noso desexo. E que o próximo escenario sexa máis reequilibrado, tranquilo, xusto e desparasitado, tamén.
 

Te puede interesar