Opinión

O virus da memoria

Efectivamente, tamén eu estou enganchado –aínda que con baixa intensidade- a “Tu no eres de Ourense si no...”. Como saben, nesa páxina de facebook os participantes introducen lembranzas da paisaxe física e humana recoñecible por moitos e asociadas a iso tan etéreo, elástico, flexible e inaprensible como a “memoria colectiva” que non é máis que a idealización de determinadas pasaxes do pasado peneiradas exitosamente pola conversa reinante entre moitos cidadáns. O éxito do fenómeno é moi digno de consideración polo interese que desperta nos ourensáns de aquí e dos que están fóra e que buscan neses fíos invisibles das lembranzas propias ou prestadas, unha identificación branca, limpa, sen máis reviravoltas, cun lugar determinado. Non apareceron palabras ampulosas tipo “ourensanía”, “ourensanidade” ou cousas polo estilo. Non hai máis interese detrás que charla amical, a recuperación de contactos, o sorriso provocado pola lembranza oculta nun pregue do pano enrugado da memoria que se manifesta grazas a outros recordos que turran como cadeas en todas direccións para despregalo. Neste pasatempo comunal colaborativo, (nova forma de construír Historia partindo das estorias, que diría un portugués) aparecen bocadillos de calamares, xelados de mantecado, edificios desaparecidos, tipos extraordinarios como o Kaito, Lalao Reverter, marxinais como o Cepo, o Paxaro, o Darío... deportistas, o Pataco, figuras públicas, festas privadas... E eu pregúntome, a que vén esta expansión deste benignísimo virus de tortícule histórica, da paixón por volver os ollos ás nosas vivencias anteriores? Pódese dicir, si, que é habitual nos momentos de crise volver os ollos atrás, a tempos idealizados. E que a memoria é unha peneira que deixa pasar sobre todo, pó fino de cousas boas, porque doutro xeito morreríamos intoxicados polos farelos das nosas vidas. Pódese dicir que a medida que nos facemos maiores nos comprace viaxar máis que coa canseira física e xeográfica de aeroportos e maletas, coa incrible facultade de percorrer xa vividos a través das lembranzas compartidas. E así, como un nos pode contar a súa viaxe a Senegal ou ás illas Célebes para construír un barco e dar a volta ao mundo, outro nos pode relatar as formas de diversión nesa discoteca Auria –nome máis noso e culto, imposible- do Paseo dos cincuenta e primeiros sesenta ou outros lles podemos contar aos máis novos como entre as hedras escurísimas que rubían polas paredes do chalé Losada aniñaban cobras que fixeron fronte aos obreiros cando as quixeron cortar... Que non é certo? Ben. O chalé Losada existiu. E pode que eu esaxere... pero a quen lle importa? Se cadra non se pasaba tan ben en Auria. Se cadra é un exceso que Colemán teña estatua... como o Padre Feijoo ou Concepción Arenal. Pero nós somos nós cos nosos erros, defectos e virtudes.

Shakespeare fixo dicir a un personaxe, Macbeth creo, que estamos tecidos cos mesmos fíos que os nosos soños. E eu, lévolle a contraria e digo que, nos tecidos, hai trama e urdime, fíos que van nunha dirección e noutra, do que realmente estamos feitos nós é soños e de lembranzas.

Longa vida a esta páxina. O que en tempos web significa ducia e media de meses.

Te puede interesar