Opinión

Vivamos -e falemos? - como galegos

Opinión

Vivamos -e falemos? - como galegos

Oavisado lector destas xa entendeu a razón última, ou mellor, a primeira, pois todo é segundo se mire, do título. 

Como saben, hai un novo anuncio de Gadis dedicado á pandemia, logo do “Cando pase todo isto” de marzo. O novo ten como lema “Non vas poder con nós”. E como en todos os de Gadis da serie “Vivamos como galegos”, hai unha exaltación como valor positivo da identidade galaica, unha busca de reforzo da conexión sentimental coa empresa identificada como “nosa”, na liña da cervexa canadesa Molson ou arxentina Schneider, que foron antes. Pois ben, tamén na rede xorden voces críticas. Algunhas sinalan que en supermercados de fóra -Mercadona, Eroski, etc.- teñen as indicacións na lingua do país. E sinalan a contradición da publicidade de “Vivamos como galegos” ou o reparto de bolsas con lemas do Día das Letras Galegas, coa realidade de lingua inexistente nas sinalizacións dos súper ou nos folletos. 

Ben. Eu creo que boa parte de razón levan porque hai identidades nas que a lingua é algo inexistente ou secundario, pero outras non. Nós, desde fóra, pensamos que un uruguayo e un arxentino comparten todo porque teñen a mesma lingua. E non. No constructo desas novas identidades desde os inicios do século XIX, desde cadansúa independencia, a diferenza lingüística, obviamente, non contaba, como si o fixo a identificación cos caudillos militares locais ou a mitificación dun pasado indíxena ao que a inmensa maioría da poboación é allea. O presidente saínte de Uruguay, por exemplo, leva o apelido Vázquez polo avó de Vilardastrés e o nome de Tabaré polo título dun poema épico uruguayo que canta os amores entre un indio charrúa -os extintos indíxenas de Uruguay- e unha española. 

E ninguén pode negar unha identidade suíza, andaluza, ou irlandesa, máis alá das linguas. 

Por certo que Irlanda é un exemplo curioso. O gaélico foi só retórica na reivindicación política e despois da independencia de Irlanda, hai case un século, seguiu devecendo o número de falantes, ata chegar a hoxe, en que esa lingua céltica é oficial e asumida como de identidade por un lado, e por outro, residual na cadea falada. Un pode pasar un mes en Dublín e volver sen máis contacto co irlandés cós letreiros bilingües do aeroporto e os sinais das estradas.

Pero aquí, en Galicia, desde o Rexurdimento, a cuestión da lingua foi moi central. Rosalía nos seus cantares comeza dicindo: “Cantarte hei Galicia, na lengua gallega, consolo dos males, alivio das penas...”. Lamas Carbajal, na capa do xornal O Tío Marcos da Portela dicía aquilo de: “Teñen os pobos a gala no seu lenguaxe falar: falase chino na China,/ portugués en Portugal,/ catalán en Cataluña/ e na Alemania o alemán./ Soilo os gallegos d’agora/ hastra vergonza lles dá/ falar a melosa e dolce/ fala que falan seus pais”. Curros dedícalle a introdución aos seus Aires da miña terra: “Fala da miña nay, fala armoñosa/ en que o rogo dos tristes rube ó ceo./ Y-en que descende a prácida espranza/ ós afogados e doridos peitos”. Etc. etc. etc. 

E si. Creo que tanto Gadis -e podería dicir Estrella Galicia- con estes anuncios tan “nosos”, poderían, en fin, achegarse un pouco máis ó día a día do galego, para que haxa a menor distancia posible entre o que se di, o que se pensa e o que se fai. Non vaia ser que acabemos como en Irlanda. 

Te puede interesar