Opinión

Xabier Prado "Lameiro", de novo

Cando en 1995 Marcos Valcárcel publicou a obra completa de Xabier Prado “Lameiro”, en catro volumes (A carón do lume, Cóxegas e moxetes, Monifates e Farsadas), precedidos de tres excelentes estudos sobre a vida, a poesía e o teatro do autor, alegreime moito. Primeiro, pola recompilación e estudos en si, pola posibilidade de ver xuntas a obra poética e dramática máis popular de Ourense durante décadas, da man dun rigoroso estudoso da mesma e amigo. Segundo, pola sensibilidade positiva do Concello de Ourense, que era quen pagaba aquela edición, dirixido daquela por Manuel Veiga Pombo.

Agora que a Deputación edita de novo a obra completa de Xabier Prado “Lameiro”, baixo o coidado de Delfín Caseiro, vólvome alegrar. E inda que aínda non vin o resultado, confío plenamente en que Delfín faga novas achegas e avance neste camiño máis alá do que fixo Marcos, e que a nova recompilación siga contribuíndo a espallar o coñecemento dun persoeiro tan importante na cimentación da cultura popular galega. E permítanme que explique en poucas palabras cousas que son terreos comúns para interesados, poucos, no tema. Imos alá.

Xabier Prado “Lameiro” recolle a voz popular de Valentín Lamas Carbajal, o, non abondo valorado, cuarto pé do Rexurdimento. Prado “Lameiro” –ninguén o coñecía por Prado Rodríguez-, intégrase nas Irmandades da Fala desde o inicio e é un fervedoiro de actividade: en 1917 retoma a gloriosa cabeceira de Lamas, O Tío Marcos da Portela, e no 1918 promove a fundación da Coral de Ruada. Ourense era cidade moi movida. No ano 1917 os intelectuais de vangarda -Vicente Risco, os Cuevillas, tío e sobriño, Primitivo Rodríguez Sanjurjo etc.- lanzan unha revista de estrañas elites, La Centuria, e no 1918 inaugúrase a Ponte Nova.

¿E que pensaban estes homes da vangarda que logo formarían Nós, e que tanto andaban petiscando na modernidade europea –orientalismo, filosofía alemá, experimentación literaria de Joyce...-, que pensaban estes de Xabier Prado “Lameiro” e dos seus colaboradores? Pois parecíanlles uns paletiños. Tivo que chegar un visionario, conservador e tradicionalista, profesor no vello instituto, Antón Losada Diéguez, para atraer ao Risco e compañía a esa cousa nova do galeguismo. Daquela, os de Nós, asumiu o control do movemento e mesmo recoñeceron, sen moita gabanza, iso si, a Prado “Lameiro”, outorgándolle un posto teórico nos comezos da revista Nós.

Desde aquela existiron esas dúas correntes culturais: unha de gusto popular, de grande éxito entre a xente, aquí e da emigración, as poesías e teatro popular de Prado “Lameiro”; e outra máis elevada e culturalista, de gusto dos intelectuais, que representaría a narrativa, o teatro e o ensaio de Risco ou Otero Pedrayo.

O futuro, desde logo, tíñase que apoiar nestes dous pés, senón só podía andar a saltos, á pata coxa. Que creo, nalgunha medida, é algo do que pasa hoxe. Se cadra hai demasiado intelectual para un pobo que se esvaece como a néboa. Se cadra.

Te puede interesar