Opinión

Xela Arias, Letras Galegas 2021

A escolla de Xela Arias prodúceme unha mestura de sensacións. Por un lado, a íntima satisfacción de ver como avanza o recoñecemento ás novas xeracións de escritores, neste caso a unha potentísima voz feminina; por outro, un desacougo de ver como pasa o tempo. Si. É a primeira vez que leva o premio non só unha persoa que coñecín, senón máis nova ca min -ela é do 1962-, e é a primeira persoa á que lle dedican o premio  á quen lle coñecín o pai. Parece que para novo non vou.  O seu proxetinor, Valentín Arias, era do tempo do meu, e coincidiron en varias cousas. Na editorial Galaxia, no PSG, en Escola Aberta... todo por fins dos setenta e principios dos oitenta. Valentín, grande mestre e tradutor formado por Avelino Pousa Antelo no compromiso coa Terra, na escola de Barreiros, iniciativa dos Fernández de Lugo, acabou por facer vida en Vigo, onde se criou a súa filla Xela. Coin-

cidín con ela en Edicións Xerais -onde emigrara intelectualmente o pai desde a Galaxia na que fora xerente- e onde organizou, entre outras moitas cousas, as colección de literatura xuvenil. Daquela, traducín  para eles  “O mago de Oz”. Lembro que usei unha Olympia Traveller e papeliños de típex para as correccións; unha traballeira inimaxinable hoxe. En fin, pai e filla foron dos máis excelsos e produtivos tradutores do país.

Pero as diferenzas de xeración eran enormes. O pai tiña un compromiso progresista, case ascético. Xela, pola contra, buscaba os praceres da vida no Vigo da movida e do coqueteo cos limites, as fronteiras e as substancias. En fin, o seu libro “Tigres como cabalos”, potentes textos seus, e  fermosísimos espidos dela, da cámara amiga do seu home, Xulio Gil, foi un revulsivo. Pero tempo haberá para falar dela e da súa poesía. O caso é que como no conto do home, o fillo e o burro, fágase o se faga, sempre haberá quen se queixe. E si, estes días a raíz da designación do seu nome para as letras galegas de 2021 por parte da RAG, coma é habitual, houbo discrepancias.  Cousas do pequeneiro e estreito ambiente cultural galego no que sempre andan cismando e aborrecendo con tres ou catro temiñas. Un deles, a figura das Letras. E viñan dicir que non era xusto para Xela, porque non daba tempo a preparar materiais para as Letras Galegas. E como tal se argumentaba desde os cumios dunha editorial, sente un ese desacougo pola evidencia da mercantilización do Día. Si. Parece que todo se reduce a buscar un nome, a prepararen cadansúa biografía e textos para as escolas, un par de exposicionciñas,  captar unhas subvencións, un ciclo de conferencias, e a rular.

Creo que a escolla da RAG é sabia e sóida. Unha vez decido que as homenaxes da Academia a Carvalho Calero rematasen co ano, para amorteceren as críticas, era bo escolleren unha icónica poeta progresista, feminista, transgresora, achegada ás sensibilidades contemporáneas, autora dunha interesantísima obra sobre a que convén volver. Alégrome por Xela. Ademais, creo que é bo manter o hábito de personaxe ano, pois non teriamos seguridade de cando volverá haber algo parecido á vella normalidade para retomar os vellos usos; de aí que crea sexa mellor non abandonalos. E saiban que no 2019 as escritoras feministas de A Sega, dedicáronlle o “Día das galegas nas Letras” na súa sexta edición.  Elas van por diante. De Día das Galegas nas Letras e á Día das Letras Galegas, parece  é boa cousa. Parabéns a elas, tamén.

Te puede interesar