Opinión

XUÍCES, AVOGADOS, FISCAIS?

Cando non entendo algo fúrgolles na etimoloxía das palabras e, ás veces, topo explicación. Ou entretéñome, polo menos.


Estes días aí atrás, levo lido nos xornais cousas raras na defensa de casos famosos. Si. Nos tres casos a actuación dos avogados defensores resultoume chamativa. Primeiro o da nai da Asunta, que lle di á acusada que non colabore coa Xustiza na reconstrución das circunstancias; segundo, o do avogado do electricista collido co Calixtino e uns centos de millóns e que pretende recusar ao xuíz Vázquez Taín por inimizade manifesta, e por último, o do defensor do rapaz romanés que confesou á policía ter matado ao farmacéutico de Maceda, que lle aconsella non dar mostras biolóxicas pois poderían ir contra os seus intereses.


Resultábanme estraños estes comportamentos porque, de partida, pensaba que o mundo dos avogados tiña relación unívoca co mundo da Xustiza. Ou sexa, que todos perseguían esa virtude pública que inclina a dar a cada un o que lle corresponde en correcta razón e equidade. Pensaba, si, que os avogados defendían a Xustiza. Pero, obviamente, non pode ser tal, porque ao existiren avogados da defensa e avogados da acusación, non poden ter razón todos á vez. Daquela pódese entender, nesa competición, que uns reman a favor da Xustiza e outros da Inxustiza. Incluso sen sabelo. Ou sabéndoo. E iso, para min, é o que me parece que debe ter máis problemas éticos: tratar de 'lograr' a declaración de inocente para unha persoa que sabe culpable, co que o delicto quedaría impune. En fin, o campo en que xogue cada un depende simplemente de quen o 'fiche' para ese partido.


Pero dándolle voltas á lingua pódese ver algo máis de luz. Para empezar avogado, etimoloxicamente, nada ten que ver con ius, xustiza. Vén da expresión latina ad auxilium vocatus -por iso en portugués aínda poñen o d: advogado- e significa, literalmente, 'o chamado para auxiliar'. O que pon voz por ti e trata de interceder no teu favor, con independencia, claro, de que sexas inocente ou culpable, ou de que teñas razón ou non. E canto máis difícil é o caso, máis fama collen de bos profesionais.


Tamén andan hoxe moi polo medio, por mor do traballo que teñen, os fiscais. E eses si teñen que ver coa defensa do interese público: en Roma o fiscal era o encargado de custodiar o fiscus, o cesto onde se gardaba o diñeiro público froito da recadación de impostos, en moedas cuñadas en cobre, aes; e aí o nome de aerarium, o noso erario. O fiscal, pois, defende o peto e o interese de todos.


Pero o posto principal, sen dúbida, é o do que decide o que está ben e o que está mal. O que interpreta a tradición e os feitos. O que os valora, contrasta e pondera co que di a lei. De aí lle vén, precisamente, o nome: a palabra xuíz, vén de 'iudex, iudicit' ou sexa, propiamente a persoa que di a lei.


E así, desde o seu posto central do sistema, fala con calma e seguranza, a través de grandes verdades argumentadas, ou sexa, ditos veraces ou máis propiamente, vere-dictos.


En fin, como dicía o outro, que Deus reparta sorte porque como reparta Xustiza ía faltar sitio no Pereiro.

Te puede interesar