Opinión

Imagine... rapaces polo rural

Unha vez temos un pouco claro como foi o devenir do rural no interior de Galicia, ábrense todos os debates (e as chagas vivas) coas alternativas, solucións, receitas máxicas, etc. Todas provistas polos diferentes axentes sociais, dende os seus lexítimos puntos de vista e intereses. Hai todo tipo de temas a tratar: económicos, sociais, culturais, políticos… Cada un facendo a guerra polo seu lado. Como estratexia disuasoria de calquera tipo de iniciativa ten funcionado moi ben (ata o de agora). Emprender en Galicia tórnase moitas veces nun vesporeiro de burocracia, regulacións de complicado cumplimento, incertidume, envexas, obstruccionismos varios e todo tipo de liortas recurrentes que non nos levan a ningures. Ainda que cada un teña moi claro o seu, semella todo moi túrbido, gris, tirando a castaño oscuro. Sóbrannos receitas pero din que moitos médicos “matan” a calquera paciente. E todos pensando no futuro (o pronóstico), no pasado (o historial clínico), pero sen entrarlle ó presente: o que trae ó paciente á consulta (ou consultoría). A pregunta é sempre a mesma, moi sinxela: Que quere? Que quere? E aí fallamos todos (e todas). Non temos unha ilusión común. Está todo tinguido de lexítimos intereses e responsabilidades (castaño oscuro). E non é culpa nosa. É a historia (ou película) que nos tocou vivir. Pero corren tempos novos.

Fainos falta un ánimo común, unha bandeira baixo a que caibamos toda a diversidade: unha ilusión común. E non fai falla incidir no feito de que deso andamos bastante escasos. A ilusión reside en seren capaces de imaxinar algo mellor. E a creatividade e innovación son responsables de facelo realidade. Pero esas ilusións só se poden facer presentes no futuro. Non hai maxia envasada e instantánea. Hai sementes que van medrando (proceso que tamén pode semellar maxia se nos paramos a observar). A ilusión é coma o vento que enche o velamen: sen ela hai calma chicha e non se move nada. E todo é un lío… tanto velamen para nada. Pero parémonos a pensar naqueles que, pola súa idade, están destinados a ser os futuros habitantes (e cocreadores) desa realidade: os rapaces e rapazas. O futuro. O seu futuro (non o noso). Como o imaxinan? Como lles gustaría que fose o seo pobo, aldea, lugar ou “rural”? 

Os menores aínda que non teñan dereito a voto, si que o teñen á voz nas institucións representativas. Unha maneira moi simpática de participar son estes concursos de debuxo e/ou redacción que se fan nos centros escolares sobre “A Constitución”, “A Monarquía” ou calquera outro tema de “interese xeral”. Aí os rapaces síntense protagonistas do seu mundo (que pronto será o seu). E amosan unha especial lucidez por estar menos contaminados polos intereses que nos malean ós maiores. Pero dan ideas. E xeneran ilusión. A representación que do rural (e da provincia) se fagan os nosos pequenos é o futuro que podemos acadar entre todas e todos. Dende as nosas respectivas posicións, intereseses e demáis señas de identidade/división. Seguro que serían unha fonte clara de inspiración para moitas iniciativas. Moitas veces realizables no presente. E aí é onde entramos os maiores (que para iso estamos en idade de traballar), non?

Te puede interesar