Opinión

Nós, como si nada...

Onde sempre, no monte (para algo somos galegos), no rural despoboado,  no inverno demográfico (e fai un sol…), na España “vaciada”…co bonita que estaba chea de vacas e paisanos… 

Quen dixo medo? Xa tocamos fondo hai tempo, pero como a rá esa do conto que vai quecendo na auga do pote, de vagar, non nos demos conta do conto. Estamos en crisis (e campaña política) permanente. 

Uns poucos arramblan co de todos. Os máis quedan moi tocados, moitos, sen nada. Os políticos (de “rositas”), cambiando as letras pero tocando sempre o mesmo repertorio vacío, deseñado nos mellores gabinetes de marketing electoral. Non vou decir cal (o repertorio), que para eso xa ocupan os “hit parades” a metade dos telediarios co mesmo culebrón de sempre. E toma. E dalle. Unha e outra vez. Con bombo e trombón se fai falta. Xogos de salón, de casino e demáis…bandeiras, lazos, pancartas, memes, tweets e a de dios (con perdón, que nas aldeas as veces falamos algo incorrecto). Parole, parole, parole. Falar non costa nada e parece ser moi rentable. Tanto como para xestionar a metade da economía dun país (imaxinario) a vontade dun grupo organizado (calquera) que se faga co poder, que o faga mal e que non pase nada. Son uns fenómenos, carallo! Por algo están onde están. E nós onde estamos. Todo hai que decilo. Non vou falar das diferentes opcións electorais que deso xa falan os electores cando votan.

E qué foi do noso? De qué? (…). Dos despoboados… Un interesante nicho electoral por uns meses. Cando se activen fondos comunitarios é cando empezará de verdade a festa. Que se eu estou máis despoboado que ti, que si máis vello, que si máis calvo… Máis río revolto…máis fume… E os cartos? Hai que facer o reparto entre as “institucións xestoras” antes e detraer a parte correspondente para pagar rotondas (con esculturas incomprensibles se pode ser), farolas traídas doutras dimensións, catro parches de asfalto antes de cada eleccións…Obras=cartos=votos=cartos=obras…e así sucesivamente. Esperemos que os fondos veñan vinculados a proxectos porque senón pouco nos vai chegar neto.

Os “curas” na Idade Media levaban o diezmo. A décima parte do producido. E tiñan axuda divina e humana para cobrar… Agora ven sendo a metade do producido, pero hai tantos buratos de entrada e de saída… Os cartos sacánnolos por tódolos lados e van para moitos outros. Un sindiós. Casi era mellor que nolo quitaran todo de golpe. Pero íbase notar moito.

O gasto público está en permanente expansión dende hai décadas (goberne quen goberne). Os resultados? Véxase apartado rotondas e demáis…

E moitos padricando… no deserto. Que se as cousas fosen así, que se fosen asá… Pero os feitos… parece que xa damos por normal decir unha cousa e facer outra. O problema e que sen confianza (sempre limitada) non é posible a sociedade. E moito falar, e moito padricar… pero alguén escoita a alguén xa? (XD). E os feitos? Algúns nos xuzgados, outros ben feitos, outros para botarse a correr. Calquera opinión@ é máis válida que un feito. Estamos tolos?

E para qué padricar nun deserto (ou xungla, según se mire) comunicativo onde non nos oe nin dios? (con perdón).

Dalle ó “like” e despreocupate. Asiste virtual e simultáneamente a cen manifestacións. Pon un pobre (ou un rural despoboado) na túa mesa (de adorno). E ofendete moito, pero non fagas nada (nin recoller a mesa). Xa hai xente que se ocupa de arranxar o teu… Queda tranquilo. Está todo “controlado”. Non deixes de ser un cativo e andando (pola ponte esa dos Millenials, que lle chaman). E berra ben alto: vivan as cadeas! (de pago se pode ser). Deica.

Te puede interesar