Opinión

O ANDACIO

Dicían os vellos que nunca choveu que non parara. E ben certo é. Os nosos paisanos levan desenvolvendo, sen “civilización” nen farrapos de gaita, unha capacidade de resistir amosada dende os tempos prehistóricos. Guerras, epidemias, fame… chámalle equis… as voltas que da a vida individual e colectiva…
Pragmáticos, socarróns e pouco dados a presumir de ter razón (ou non), temos demostrado a nosa capacidade de resiliencia (como din agora os “modernos”).

Unha e outra vez. O que nos boten. Isa actitude serena non quita a perda nin evita que choremos e sintamos as feridas coma calquera. Pero fai máis levadeira a desgracia para poder seguir adiante. Non hai mal que cen anos dure (nen corpo que o aguante). Sabiduría popular para tempos que semellan o fin do mundo. Non sería a primeira vez. Pero non tal. O mundo non se acaba por moito que o pareza. Nunca. Con nós ou sen nós. Muta, cambia. E a cada cambio témonos adaptado (mellor ou peor) cunha especial habilidade para cambiar de perspectiva. Todo é relativo e depende de cómo se mire. Dende o fondo do pozo pódese mirar ó ceo. Xa parará…

 E quen sabe… Igual tiñan máis razón na súa "simpleza" que todo ise rebulbio cultural complexo, esa presa por vivir, esa insatisfacción permanente que nos levou a separarnos da terra. Como sabemos facer nós. Cada ún no seu pero procurando non se pisaren uns os outros. Cada ún tocando a súa nota, pero no mesmo tono. O gran valor da harmonía. Individuo e comunidade á vez. 

Neste penoso e cada vez máis longo encerro tentando de escapar á vella da gadaña, moitos miran con envexa os que estamos nas aldeas. Pechados cada ún na súa casa pero sen descuidaren as leiras máis cercanas, os animais e coidando, cada ún á súa maneira, todos de todos. En guerra coa natureza dende sempre. Unha especie de "comunismo de guerra". Pero sen guerra e sen comunismo. Unha ambigua (e antiga) forma de combinaren caos e orden, individuo e colectivo. Sorteando o drama (alomenos no ánimo) para seguir tirando. Tan mal non nos foi. Ou non… Depende…

Hai terras ermas, aldeas espalladas e unha natureza agradecida cando é ben tratada. Pasouse tanta fame… Morreu tanta xente boa… Toda. Porque a todos nos toca. E todos somos bos cando morremos. Pero sempre se morreu e viviu con un mínimo de dignidade. O que fose. Como ben dicía un paisano: "Un home é un home (ou unha muller) aínda que vaia vestido cunha tela de saco". Manteñamos a cabeza alta e o espírito elevado aínda que as bágoas vaian por dentro. As veces son moitas e hai que botalas fora (carallo!). Pero xa chegarán tempos mellores. Somos capaces. O temos demostrado unha e otra vez. Despois de cada caída, coa roupa feita xiróns, co loito sempre presente. E unha chuvia que non para… Que chova. Xa parará. Aquí seguimos. Hai baixas e moitas perdas. Pero como colectivo somos malos de matar e de someter pola adversidade. Adaptámonos. Moito ánimo e moita saúde. 

Te puede interesar