Opinión

Señoras e señores, madamas e madamitos

Como dicían os vellos de antes (referíndose ás cualidades morais dos nosos semellantes):  “hai homes, homiños, macacos e macaquiños” . Cando alguén facía de seu pasando porriba dún dicíase que era “un animal con roupa”. E cando se trataba dun mal colectivo o inefable Castelao puña en boca dun paisano a famosa frase: “Mexan porriba de nós e temos que dicir que chove”. A historia nunca se repite. Nunca é igual: é parecida. Cambian as circunstancias e as persoaxes, pero algunhas cousas recordan sospeitosamente ás situacións vividas no pasado deste vello pobo. Na idade media tivemos señores (e señoras) que organizaban ás comunidades feudais, as mantiñan unidas e (como correspondía á súa categoría) dispuñan das vidas e dos bens dos seus súbditos. 

Antes houbera amos (e amas) e escravos (e escravas). Permítaseme de agora en adiante non seguir utilizando a linguaxe inclusiva de xénero para non facer máis difícil a escritura e lectura do texto: pero que o lector ou lectora non se sinta discriminado e se inclúa sen problema algún. Houbo de todo. Os estratos sociais non son categorías morais. E o xénero tampouco. Houbo xente boa e mala en todolos estamentos e xéneros. Logo viñeron os “señoritos” da cidade. Todos os estamentos (e xénero) dominantes compartían a característica de quedarse con gran parte do excedente e mandar sobre os sometidos. Pero cumprían a súa función. A cambio de levarnos o ouro, os xamóns, os chourizos e demáis “excedentes” había quen daba algo a cambio (e quen non). Iso dáballes una certa lexitimidade, polo que dicíamos que “chovía” dun xeito cómplice. 

Agora, na posmodernidade, veñen os urbanitas (obsérvese a forma inclusiva do termo). Moitos traen cousas novas. Algunhas boas e outras non tanto. Igualdade de xénero, ecoloxía, novas espiritulidades… Pero tamén traen estrés, neuras múltiples, ideas fora da realidade do rural,  rotondas… máis lixo, ruido. Algúns pretenden traer a cidade ó rural. Para iso que queden nela. E nós temos que dicir que chove. Coma sempre. E a ún  se lle ocorre que pola nosa banda (independientemente de quen pretenda expoliarnos material e espiritualmente) adoecemos constantemente duhna notable falta de autoestima. Nunca apreciamos o noso por ser algo común. O entregamos sen máis, como se compartía tradicionalmente cos membros da parroquia. Sen esperar nada a cambio, pero sabendo que nun futuro próximo o favor nos sería devolto. Porque todos dependíamos de todos para sobreviviren. 

Pero os tempos mudan. E lonxe de estar a tratar cos veciños (dos cales coñecemos tódalas súas vitudes e miserias) atopámonos con estranos que, frecuentemente, abusan da nosa hospitalidade. E despois facémonos as víctimas, como se non puidésemos facer algo ó respecto. Pois é moi sinxelo. Hai que “cambiar de chip”, empezar a apreciar o noso. Isto é: poñerlle precio. As cousas que tanto demandan os urbanitas hai que cobralas. Sen abusar, pero “a vaquiña polo que vale”. E dicirlle así ás “mascaritas” que veñen da cidade (madamos e madamitas) que non nos sentimos privilexiados pola súa presenza. Qué en todo caso sería ó revés. E que empecen a chover eses cartos, coñecementos e valores morais dos que tanto presumen. Que xa os administraremos nós como mellor nos pareza. Pero que non nos tomen por parvos. Porque non é o caso nin o foi nunca. Que sexamos de bo natural non nos convirte en tal. Quede claro. E que chova. Que nunca choveu que non parara.

Te puede interesar