Opinión

Sons do rural

Remata o verán e todos e todas apuramo-los derradeiros días. Ó longo do mesmo, toda Galicia se volca en festas gastronómicas, romerías, verbenas. Hai que aproveitar o bó tempo (e o turismo) que logo ven o frío e dura moito. Pero neste últimos anos asistimos a unha renovación do repertorio cultural e festivo. O rural está moi activo. Festivales de todo tipo de música en lugares remotos, representacións de teatro, "happenings" e quedadas variadas que animan moito a cousa e dan a coñecer nestes remotos e "valeiros" lugares novas tendencias, innovación e creatividade en marcha.

Os protagonistas, os propios (e moitas veces escasos) moradores do rural que abren ó mundo o seu lugar con orgullo coa pretensión de que vivir nel sexa ademáis viable no presente e futuro. Unha resposta áxil e intelixente á globalización. E con moita máis implicación da poboación que a que facilitan as grandes empresas ou as administracións, de oído e lóxicas moi duras para as cuestións social e cultural. Citalas todas sería imposible, xa que se multiplican cada ano. Os nosos paisanos, aínda que poucos, fanse ver e escoitar por moitos e diversos medios.

Cada iniciativa é unha experiencia, un ‘son’. Entre estes moitos ‘sons’ cabe destacar a iniciativa Son d’aldea, en Palas de Rei, na que ‘aterrei’ este ano como convidado. A experiencia foi memorable. Toda unha homenaxe en acción á vida das aldeas, a exaltación dun xeito de vivir que nos fixo como somos (por máis que o neguemos). Por momentos, emocionante e conmovedor, sentir o orgullo destes poboadores polo seu, o bo facer, o rexurdir e posta en valor do noso patrimonio cultural inmaterial levado a cabo por xente que demostra coas súas accións un grande amor á terra: ó seu. Un verdadeiro pracer (abraillante por momentos) compartir todas esas emocións, recordos…e, sobre todo comprobar que, cando nos poñemos, sabemos facer as cousas con xeito.

Tamén emociona moito a quen esto escribe ver dar froitos ó que moitos e moitas sementaron con moita iniciativa e paciencia e sen esperar nada a cambio hai moito tempo. Innovadores, pioneiros, referentes do traballo coa xente. Moitos anónimos. E algúns deles curas (hainos bos tamén). Velai o froito do seu traballo. A longa noite de pedra non puido con nós (así ten sido dende tempo dos romanos).  Semella lóxico e xusto. Porque  todas estas iniciativas, tan variadas comas os lugares nos que teñen lugar, nos están a dicir (con toda a dignidade de que somos capaces) o mesmo: Aiquí estamos, aiquí seguimos e aiquí seguiremos. Así cheguen os xabalís e o lobo ata a porta da casa. E que siga a festa! Eu  tamén son d’aldea!

Te puede interesar