Opinión

Os últimos serán os primeiros…

En sairen do confinamento. E no reino dos cegos, os tortos son reis. Xa era hora! Por primeira vez na historia do rural sucede que se fai cos seus poboadores unha excepción (ou discriminación) en positivo. Eso si, dictado pola necesidade (non nos enganemos: a forza aforcan). Porque os ciclos da natureza mandan. Hai que sementar xa. Si ou si. E dase a casualidade que o sistema de seguridade alimentario deseñado por Bruselas non se adapta á nova realidade imposta polo andacio este do "demo". E pode volver pasar en calquera momento. Non se pode manter un sistema alimentario de producto fresco a  tan longa distancia cun tráfego constante de camións frigoríficos importando/exportando os mesmos productos (de plástico) dun lado para outro. É pouco eficiente (económica, enerxética e ecolóxicamente falando). Absurdo. E moi inxusto que, agricultores e gandeiros que levan séculos de boas prácticas (homologadas por séculos de historia e non por os despachos dos expertos), fosen penalizados por este modelo (caduco xa) que beneficiaba os grandes lobbies alimentarios (ou lobos?) de Unión Europea. Algo que nos conducía ó abismo pasiño a pasiño (paseniñamente) e sen que poideramos facer nada por corrixilo rumbo. A desgracia presente foi a gota (ou o balde de auga fría) que colmou o vaso.

Así as cousas, compre poñer a funcionar os eidos (e tamén algúns ermos abandoados hai décadas), xa. Non se pode agardar máis ou non haberá colleita. Porque é previsible un cambio nas tornas nas relación entre agro e cidade. En realidade, imos cara as "agrocidades", unha síntese do anterior modelo dual agro-cidade. Este novo modelo consistirá no intercambio xusto e equilibrado entre os habitantes das aldeas e os das ciudades. A cada ún o seu. As cidades provendo de servizos que requiren altas concentracións de poboación e economías de escala. O agro producindo producto local fresco en réxime de sostenibilidade (bendito "ciclo esterco/forraxe" de autoproducción e autoconsumo). Aínda que sexa a tempo parcial (do agro é moi difícil vivir) e colocando o producto en froiterías e carnicerías de barrio (as de toda a vida, entre vecinos). 

Por non falarmos do volco residencial que se está a dar (en breve). Moita xente elixirá mudar de xeito de vivir. E ainda que só se adiquen ó agro no seu tempo de lecer) poderán seguer co seu traballo (antes exercido coma "urbanitas") coas posibilidades (ensaiadas xa durante o confinamento), do teletraballo. Tamén suporá que, unha vez postos os bois (ou vacas), poidamos uncilos ó  carro. Esto é, que se xenere a demanda de servizos que fai falta para que investrir no rural sexa eficiente. Non se poden manter os equipamentos con catro habitantes. Unha mosca non fai verán. Pero moitas fan un enxame. 

Todo isto comezará a mudar. Cando esto pase (ou, mellor dito, cando saiamos…). Porque o demo do andacio vai andar pasexándose polo planeta, dando voltas e voltas (gira il mondo gira) ata que alguén se digne a dar coa vacina e comence a repartiren (de xeito gratuito espero, que a desfeita xa foi grande) a protección que todxs precisamos para continuar a nosa vidiña nesa nova realidade (que non "normalidade") que nos agarda á volta da esquina. E que promete ser moito mellor que a normalidade que xa estábamos feitos a aturar. Mágoa que os cambios sociais teñan que vir da man da desgracia e a calamidade! E coas menores estridencias posibles (a río revolto, gañanza de pecadores). Porque sobran axitadores e faltan mans para traballar e linguas para ben falar. Ó fin e o cabo, tralo Apocalipse, os mansos herdarán a Terra… (no "reino dos cegos"). Igual alguén pensa que estou sembrado. Certo. É primavera. Tempo de sementar. E ún (máis) non vai ser unha excepción a esta regra. Deica.

Te puede interesar