Opinión

¡LAS ALEMAANAAAS, LAS ALEMAANAAAS!

Oxenial e periférico poeta ourensán Millán Picouto recrea nunha comedia o tópico popular, rescatado polos irmáns Grimm, da raíña que após anos de seca pare un herdeiro que ten forma de burriño. O casal decide educalo coa palabra e a música tal que for un verdadeiro príncipe e o burriño logo amosa a mais exquisita delicadeza e sensibilidade. Un día o burriño ve a súa imaxe nunha fonte e fuxe estarrecido. Remata nun castelo onde habita unha princesa saudosa do verdadeiro amor e axiña se namoran. O pai dela decide dar o seu consentimento á unión por mor de comprobar pola súa conduta na noite de vodas si o burro é besta ou persoa. Cando o burriño fala e toca o violín na cámara nupcial cae a pelica que o cubre e xurde un lindo e feito mozo. Na conciencia do pobo, a cultura e a arte aparecen así como os sinais e o vehículo da humanización.


Se observamos as elites que sempre mangonearon España decatámonos de que os seus procesos son os inversos. O seu natural é pasar de burro a asno e de asno a mulo para así ser quen mais fortes couces dá. O palco do Bernabeu é Academia de saber. O coso das Ventas, liceo de estética. A clínica de dopaxe do doutor Fuentes, vangarda tecnolóxica. Os doutoramentos, loureiros para ornar as insignes tempas de Camps ou Rato. Ao tempo unha beca de investigación pasa de precaria miseria a quimera e o 86% dos aspirantes a mestres en Madrid non superan un test feito para os cativos de doce anos aos que Esperanza graduará cun master de Eurovegas. Entendámolo de vez. Bárcenas e o seu dedo non son accidente senón esencia dunha clase dirixente basta, canalla e excluínte (que foi de mouriscos, xudeus, herexes, 'rojos'?).


Aquí, no país, a elite que nos tocou cobiza o recoñecemento dese foco de civilización planetario que é Madrid. O presidente Feijoo mantén un sistema de aprendizaxe de idiomas inútil, remata coa gratuidade de comedores escolares e trata as universidades como proídos que rañar de cando en vez. As nosas Björk son desprezadas namentres en Islandia achegan ao seu PIB tanto como a pesca do bacallau. Que a nosa vangarda técnica, científica e cultural mira a Berlín, Río, Tokío, Pequín ou New York? Nós reservamos mesa en Llardy's que os seus garavanzos si que son cosmopolitas.


Os nacionalistas galegos non podemos fuxir desta realidade. O problema español é tan cultural como económico e por iso falarmos de soberanía resulta imprescindíbel. É preciso sermos intelixentes no xeito de cando, onde e como plantexalo, pero sen subordinarmos esta necesidade a coxunturas derivadas de alianzas políticas. Existen no Estado sectores sociais cos que podemos e debemos colaborar pero sexamos conscientes de que son minoritarios e febles. O éxito das nosas batallas segue a depender da nosa capacidade de auto organización e conexión internacional.


Ter como modelo ao Cloney glamuroso que toma un Nespresso ou a algunha das intelixentes mulleres que o vacilan ten sentido. Mantermos como referencia a aquel 'españolito' que, encarnado polo fantástico López Vázquez, berraba en 'El turismo es un gran invento': '¡Las alemaanaaas, las alemaanaaas'! constituiría delito de lesa patria.


Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar